LITERATURA GALEGO PORTUGUESA MEDIEVAL(LÍRICA PROFANA)
TEMA 5 (1º Bac): A
POESÍA TROBADORESCA GALEGO-PORTUGUESA (I)
Introdución
Entendemos por poesía
trabadoresca galego-portuguesa a produción poética medieval feita
en lingua galega (ou galego-portuguesa) entre finais do século XII
e mediados do século XIV. Consta dun conxunto de 1680 cantigas de
tema profano transmitidos por tres cancioneiros manuscritos e 427
cantigas de tema relixioso, as Cantigas de Santa María, recollidas
en catro códices.
a)Cantigas de
amigo,475.
b)Cantigas de
amor,arredor de 725 textos.
c)Cantigas de burlas
ou de escarnho e maldizer,430.
Ademais destes hai unha
serie de xéneros menores que tiveron entre nós un escaso
desnevolvemento .Entre todos non chegan a agrupar medio cento de
cantigas,e dalgún non conservamos máis ca un único exemplar.Son a
pastorela, o pranto, a tenzón, o lai, o desacordo e o sirventés
moral.
5. 1. A poesía
profana
A poesía trobadoresca
nace no sur da actual Francia, a Occitania, como o produto cultural
máis requintado das ricas cortes feudais. É unha arte laica, á
marxe do control eclesiástico, que exalta o amor heterosexual e o
servizo ás damas como un camiño de perfección do ser humano. Esta
cultura aristocrática cortesá, literaria e musical, axiña se
estendeu por toda Europa. Nalgúns lugares prendeu e chegou a ter un
desenvolvemento propio, como é o caso das cortes reais e
aristocráticas do occidente da Península Ibérica: a escola
trobadoresca galego-portuguesa.
A nosa lírica medieval,
polo tanto, é de carácter trobadoresco. Nace entre finais do
século XII e principios do século XIII, inspirada na literatura
que estaba de moda en Europa: a lírica trobadoresca occitana.
Dela toma o tema fundamental, o amor cortés, así como as formas
poéticas e musicais.
Porén, a escola
trobadoresca galego-portuguesa axiña adquirirá personalidade
propia, tanto na súa interpretación do amor cortés a través do
xénero da Cantiga de amor, como na adaptación ao estilo
trobadoresco da tradición autóctona da canción de muller a través
das Cantigas de amigo. Polo que respecta ás Cantigas de escarnio e
maldicir, se ben ten relación co xénero occitano do sirventés,
presenta temas e tratamentos formais característicos.
Dos tres xéneros que
acabamos de mencionar, dous teñen como tema fundamental a expresión
do amor entre un home e unha muller: as cantigas de amor e as
cantigas de amigo. O terceiro, as cantigas de escarnio e maldicir,
teñen como obxecto a crítica burlesca dunha gran variedade de
temas: sociais, políticos, literarios, etc. A maioría das cantigas
que se conservaron pertencen a un destes tres xéneros, pero tamén
hai exemplos doutros xéneros como a alba, a pastorela ou o pranto.
A cantiga de amor
traspón as relacións sociais
xerárquicas que ordenaban o mundo feudal ás relacións amorosas.
Deste xeito o poeta,
na cantiga de amor a voz poética é sempre a do poeta namorado,
considérase un vasalo ao
servizo da dama á
que nomea como senhor.
A senhor aparece
como un ser idealizado, inalcanzable na súa perfección e o poeta
sabe que non é merecedor dela, polo que o servizo amoroso é unha
fonte de sufrimento que chama coita de amor.
Porén, a súa perseveranza é considerada como un camiño de
perfección que o achega a Deus. A coita de amor é o tópico
fundamental sobre o que xiran estas cantigas. O único que queda por
saber é como afronta con resignación ou se rebela contra el o
poeta. Outros aspectos complementarios que se adoitan tratar son: a
descrición da amada, o amor (forzado) a primeira vista, o amor non
correspondido e a perseveranza do poeta perante o desdén da dama, a
necesidade de manter en segredo o amor, o pesar da señor polo amor
do poeta e a obsesión amorosa do poeta.
A cantiga de amigo
presenta a relación amorosa
desde o punto de vista feminino. A voz poética, polo tanto, é a
dunha muller (raramente é unha voz en 3ª persoa que narra o que
sucede entre os namorados) que nos fala, a nós ou a outro
interlocutor, da súa experiencia amorosa. Trátase dun amor
correspondido, ou con moitas probabiblidades de selo, non só
espiritual senón tamén físicamente. En moitos casos a cantiga de
amigo é o reverso da cantiga de amor pero humanizada: aparecen
todos os tópicos do amor cortés, pero a dama que agora fala xa non
é aquel ser frío e inaccesible, moitas veces cruel, da cantiga de
amor, senón unha muller que padece tamén o sufrimento do amor.
Noutro tipo de cantigas
de amigo, chamadas popularizantes, a amiga ten un papel moi activo
na relación amorosa, preséntase rodeada da natureza, disposta para
un encontro amoroso que pode producirse, colmando aos amantes de
felicidade, ou non, causando unha gran frustración. Tanto nun caso
coma no outro, os elementos da natureza escollidos
na ambientación cobran un importante valor simbólico,
dándonos información acerca do que pasou ou vai pasar. Temas
frecuentes nas cantigas de amigo son: a concordia amorosa, o amor
prohibido, a indiscreción do amigo, a ruptura, a separación e a
coita da amiga.
Resulta moi difícil
realizar unha clasificación temática que abranga a totalidade das
cantigas de amigo.Algunhas mostran uns rasgos comúns que nos
permiten falar de:
a)Mariñas ou
barcarolas.
b)Cantigas de romaría.
c)Bailadas.
d)Albas.
Nas cantigas de amigo
aínda que escritas por homes a voz poética é sempre a da amiga
que se dirixe ao amigo mostrando diversos estados de ánimo segundo
a súa relación con el.Ademais da amiga e do amigo entre os
personaxes das cantigas podemos destacar as irmanas e as amigas que
moitas veces actúan de confidentes, porén tamén poden ser rivais
e a nai que algunha vez pode ser a voz poética censurando ou
aconsellando á filla mais na maioría dos casos actúa como
opoñente e prohibidora.
As cantigas de
escarnio e maldicir teñen
unha finalidade lúdica, pois buscan facer rir ao público
utilizando a burla e a ironía para criticar variados aspectos da
sociedade e dos acontecementos políticos e literarios
contemporáneos. A sátira política foi
utilizada en ocasións para intervir en conflitos que tiveron moita
importancia histórica intentando influír na opinión pública. Un
exemplo disto serían as cantigas onde Alfonso X critica a covardía
dos seus cabaleiros na guerra de Granada das que temos un exemplo en
O genete. A
sátira social, persoal e de costumes critica
as faltas e excesos de personaxes e grupos sociais, moitas veces a
partir de personaxes arquetípicos: Ex. as sátiras contra os
infanzóns e cabaleiros da baixa nobreza, os cabaleiros que non
gardan o decoro, etc. Un grupo importante de cantigas utiliza unha
temática abertamente obscena na súa crítica contra as
soldadeiras, os clérigos viciosos, os homosexuais, pedófilos,
onanistas, etc. A sátira literaria mostra
a estreita relación e interacción que existía entre os trobadores
e xograis: críticas ás composicións dos outros, sátiras sobre
certos tópicos do amor cortés, debates dialogados, acusacións de
plaxio ou incompetencia, etc. Máis escasos son os exemplos de
sátira moral con intención de queixarse da perda xeral de valores
no mundo e a defensa polos bos costumes e a virtude dos tempos
pasados, un subxénero que se remonta á antigüidade clásica.
Recursos formais
Nas cantigas de amor
atopamos un maior número de composicións de meestría,sen
refrán.Mentres que as composicións con refrán abundan nas
cantigas de amigo.Nestas últimas tamén son moi antúadosn os
porcedementos paralelísticos.
Dous apuntamentos sobre
a métrica: os versos adoitan se de igual medida, se o número de
sílabas é diferente entre os versos dunha estrofa esa diferenza
debe repetirse nas seguintes. Entre estrofas pode haber variación
métrica. A variación tamén pode darse na rima nas diferentes
estrofas.
A maioría dos recursos
formais da poesía galego-portuguesa teñen que ver coa repetición,
algúns deles son específicos desta escola:
Dobre:
repetición dunha palabra dúas ou máis veces na mesma estrofa, en
todas as estrofas e no mesmo lugar.
Mordobre:
é un artificio similar ao dobre pero no canto da mesma palabra usa
palabras da mesma familia léxica.
Palabra rima:
unha palabra ou secuencia de palabras repetida en posición de rima
no mesmo verso de todas as estrofas.
Rima derivada:
o mesmo cá palabra rima pero en vez de tratarse dunha palabra
trátase de palabras da mesma familia léxica.
O paralelismo: o
paralelismo literal dáse
entre versos que se repiten case idénticos cunha pequena variación
como o cambio dunha palabra por un sinónimo. O
leixa-pren consiste en
repetir o 2º verso da 1ª estrofa como 1º verso da 3ª estrofa, o
2º verso da 2ª estrofa como 1º verso da 4ª estrofa e
asísucesivamente.
Procedementos de
ligazón entre estrofas:
Ademais do leixa-pren, utilízanse outros procedementos que
facilitarían a memorización das cantigas para os intérpretes.
-Cobras capcaudadas: O
primeiro verso dunha estrofa retoma a rima do último verso da
anterior.
-Cobras capfinidas: o 1º
verso da 2ª estrofa retoma un lexema, palabra ou frase do último
verso da estrofa anterior.
-Cobras capdenals: son
as que teñen versos que comezan pola mesma palabra ou grupo de
palabras.
Cantigas atehudas:
son aquelas nas que o sentido dunha estrofa non se completa ata a
estrofa seguinte e así sucesicamente vanse encadeando as estrofas.
Ao final poden ter uns versos finais, a fiinda, onde remataría o
sentido a última estrofa e chegariamos á conclusión. Esta
posibilidade chámase cantiga de ata fiinda.
Polo que respecta ás
figuras literarias de pensamento, as máis frecuentes son:
O paradoxo:
é unha figura que se basea en atentar contra a lóxica, por
exemplo, na afirmación de dúas sentencias que se contradín: ex.
Ora non moiro, nen vivo,
nen sei(...)
A perífrase:
consiste en empregar unha frase ou oración alusiva no canto de usar
a palabra directamente: ex. a
que me sempre desamou no canto de a minha senhor.
A comparación:
moitas veces funcionan como simples estereotipos (son sempre as
mesmas): ex. a mais
fremosa de quantas Deus fez.
A hipérbole:
É unha figura moi importante na poética trobadoresca, tanto para
os xéneros amorosos como os burlescos: ex. acusar a Deus de pecar
por permitir que os seus vasalos se namoren sen esperanza.
Hiperbólica é toda a narración que fai Eanes Coton sobre a ansia
de quedar ben sen gastar de Don Fagundo.
A metáfora:
o xénero que máis utiliza este recurso é o de escarnio: ex. na
cantiga de Pero da Ponte, a maeta
ferrada que perdeu o cadeado é
unha clara metáfora dos órganos sexuais de María Balteira,
accesibles a calquera.
O símbolo:
presente nun pequeno pero importante grupo de cantigas de amigo. Son
elementos da natureza (fonte, auga, auga avolta, cervo, lavar
cabelos, mar, ondas, flores, aves cantoras) ou obxectos (anel,
cinta, rachar a tea do vestido, brial,
camisa).
A ironía:
consiste en afirmar o contrario do que se pensa con intención de
burlarse desa afirmación. O xénero que máis a utiliza é o de
escarnio, ex: a 1ª cantiga de Pero da Ponte, Quen
a sesta quiser dormir, baséase nesta figura.
O equívoco:
é unha figura que xoga cos dobres sentidos das palabras, provocando
ambigüidade e un sentido oculto (ás veces difícil de descubrir)
que agacha unha crítica feroz. é o caso da 2º cantiga de Pero da
Ponte, María Pérez,
nossa cruzada.
BIBLIOGRAFÍA: Arias
Freixedo, X.B. (2003). Antoloxía da lírica galego-portuguesa,
Vigo, Ed. Xerais




Nenhum comentário:
Postar um comentário