AS CANTIGAS DE SANTA MARÍA
A POESÍA TROBADORESCA GALEGO-PORTUGUESA (II)
A POESÍA
RELIXIOSA LÍRICA E NARRATIVA: AS CANTIGAS DE SANTA MARÍA
Alfonso X e o
equipo de poetas e músicos encargados da redacción das Cantigas de
Santa María
As Cantigas de Santa María son unha
colección de 427 composicións narrativas e de loor (líricas)
dedicadas a enxalzar á Virxe María. Foron feitas ao longo de
varias décadas do século XIII por un equipo de trobadores e
artistas plásticos que traballaba ás ordes do rei Alfonso X, o
Sabio.
As cantigas narrativas teñen un
propósito exemplarizante, mostrando como os humanos sempre poden
confiar na axuda da Virxe María por moi grande que sexa o problema
que os ameaza. A Virxe móstrasenos como unha nai comprensiva
disposta a perdoar os pecados e como unha intermediaria eficaz entre
os humanos e Deus.
As cantigas de loor son unha especie
de cantigas de amor “ao divino” nas que o papel da dama perfecta
á que o poeta admira e promete servir corresponde á Virxe María.
O Códice Rico
do Escorial
A estrutura dos códices que conteñen
as Cantigas de Santa María é fixa: cada 10 cantigas unha, a
décima, é de loor. Consérvanse catro códices da época, algúns
conteñen a letra e música das cantigas e outros, ademais, engaden
miniaturas narrativas de extraordinaria beleza: o Códice da
Biblioteca Nacional de Madrid (128 cantigas con notación musical),
o Códice E conservado na Biblioteca do Escorial (417 cantigas), o
Cotice T, ou Códice rico, (193 cantigas con notación musical e
moitas miniaturas), Códice da Biblioteca Nacional de Florencia (104
cantigas con miniaturas).
No seguinte link: http://cantigas.webcindario.com/index.htm atoparás unha selección de cantigas coas miniaturas e as músicas orixinais, ademais de información acerca do labor cultural do rei Afonso X
No seguinte link: http://cantigas.webcindario.com/index.htm atoparás unha selección de cantigas coas miniaturas e as músicas orixinais, ademais de información acerca do labor cultural do rei Afonso X
As Cantigas de Santa María son parte
dunha corrente literaria relixiosa que promociona o culto á Virxe
dentro dunha tradición relixiosa, a xudeo-cristiá, monoteísta e
patriarcal, incorporando así en certa medida os vellos cultos ás
deusas de moitas relixións pagáns. En Europa estaban de moda as
coleccións de milagres marianos que o equipo redactor das Cantigas
de Santa María no dubida en adaptar. A estes milagres en latín e
fracés, engádense milagres da tradición oral ibérica e mesmo
milagres baseados na propia vida do rei Alfonso X. O rei quixo facer
unha obra colosal e por esta razón mantivo a colección aberrta a
novas incorporacións e melloras artísticas durante boa parte da
súa vida.
Outra das características máis
destacables da obra é a súa riqueza métrica e estilística. Nela,
ademais dos esquemas métricos presentes na tradición poética
europea, incorpora esquemas propios da poesía árabe-andalusí como
o zéxel, con diversas variacións, que será a estrofa básica das
cantigas narrativas: AA(refrán)
bbb(mudanza)
a(volta)
AA(refrán), etc...
No refrán atópase a razón
(ou argumento) onde se divulga o culto á Virxe constituíndo unha
especie de pílula ideolóxica. Nos versos da mudanza e volta vaise
desenvolvendo ao longo das sucesivas estrofas o exemplo,
é dicir, a anécdota concreta onde se demostra que o adiantado na
razón se
cumpre. Comeza presentando un personaxe nun marco espazo-temporal
cun conflito que semella insalvable pero que, despois da fervorosa
petición á Virxe e da intervención desta a través dun milagre,
acaba resolvéndose felizmente. Todas as cantigas rematan cunha
loanza á Virxe a modo de conclusión.
A farmacia do xudeu
A lectura das cantigas narrativas ofrece un retrato fresco e
variadísimo da sociedade medieval ibérica, tanto literario (a
letra das cantigas) como iconográfico (as miniaturas que as
acompañan), pois nelas aparecen diversas clases sociais, persoas de
diferentes xéneros, oficios, idades e circunstancias.
As Cantigas de Santa María son un dos
cumes da literatura medieval occidental e a súa existencia demostra
ata que punto a lingua galega era, no tempo en que foron escritas,
unha lingua de enorme prestixio cultural e dotada dunha gran
capacidade estilística para todo tipo literatura.