A
CANTIGA DE AMIGO
1.A cantiga de amigo
é un xénero poético de orixe autóctona, cuxas raíces máis
antigas non nos é posíbel determinar. Responde ao modelo da canción
de amor feminina, un tipo de composición común a todos os pobos
indoeuropeos e que nos distintos territorios de Europa deu lugar a
produtos peculiares. Na Península Ibérica, a cantiga de amigo
emparenta directamente coas kharjas mozárabes, case contemporáneas
e con características formais e temáticas moi semellantes. A
cantiga de amigo é, polo tanto, un xénero pre-trobadoresco, se ben
as mostras máis antigas que conservamos son da mesma época cás
cantigas trobadorescas.
 |
| AS CANTIGAS DE AMIGO |
Son composicións
poéticas breves feitas por un trobador (un home) e postas en boca
dunha muller namorada. Nos primeiros versos da cantiga, case de modo
invariable, figura a palabra “amigo” ou unha variante desta. A
dona que aparece sempre nestas composicións é unha doncela, unha
muller virxe que, non obstante, coñece todos os segredos do amor e
adquire todos os estados psicolóxicos da muller namorada. Mais temos
que ter en conta que o autor é sempre un home polo cal o que se nos
amosa son os sentimentos femininos desde a perspectiva do home, non
desde a perspectiva da muller.
Este xénero
caracterízase pola súa homoxeneidade. A cantiga de amigo presenta
sempre un preámbulo narrativo nos seus primeiros versos no que a
amiga fai referencia ao amigo para nos indicar os seus sentimentos,
ou tamén pode facer referencia a outro tipo de interlocutores como
logo veremos. O resto dos versos da composición veñen completar con
variacións a idea transmitida nestes primeiros versos. Nas cantigas
de amor nunca se produce o diálogo entre os namorados, sabemos do
amigo sempre a través das palabras da senhor en soidade ou con
outros interlocutores.
a) Cantigas de
amigo tradicionais: Son as que supomos máis fieis á forma
autóctona da canción de amor feminina e recollen os elementos antes
relacionados. Son todas elas cantigas de refrán; a estrofa está
formada por dous versos (dístico) e combinan os recursos de
paralelismo e leixaprén.
b) Cantigas de
amigo contaminadas: Son aquelas influídas polo lirismo
trobadoresco. Conservan o refrán, pero a estrofa está formada por
máis de dous versos; teñen paralelismo, pero non leixaprén. A
linguaxe segue sendo a da cantiga tradicional, mais introdúcense
tamén elementos alleos ao ambiente natural.
c) Cantigas de
amigo trobadorescas: Son aquelas que, como resultado da
influencia provenzal, adoptan a forma e a linguaxe da cantiga de
amor, conservando a voz poética feminina.
1.1.
Clasificación das cantigas de amigo atendendo ao interlocutor
Podemos diferenciar os seguintes grupos segundo o destinatario:
1 - Cantigas
directamente dirixidas ao amigo
2 - Cantigas
dedicadas a un auditorio
3 - Cantigas
dedicadas a unha amiga
4 - Cantigas
dedicadas a varias amigas
5 - Cantigas
dedicadas a unha ou varias donas
6 - Cantigas
dedicadas á nai
7 - Cantigas da nai
á filla
8- Cantigas
dedicadas á irmá
9 - Cantigas
dedicadas ao Amor
10 - Cantigas
dedicadas a elementos da Natureza
11 - Cantigas
dedicadas aos santos e a Deus
1.2. Subxéneros
das cantigas de amigo .
Como sinala o
profesor X.R. Pena, dentro do xénero lírico das cantigas de amigo
pódense diferenciar catro subxéneros:
Bailadas.–
Son composicións destinadas probablemente á danza coral que
presentan paralelismo e leixaprén.
Mariñas ou
barcarolas.– Nelas aparece o mar baixo diferentes formas, como
escenario, como interlocutor da muller...etc.
Cantigas de
romaría.– Caracterízanse pola presenza dunha escena amorosa
que se realiza ao pé dun santuario, ermida ou capela.
Albas ou
alboradas.– Son cantigas nas que a acción transcorre ao romper
o día, e a doncela lembra a entrevista que mantivo ao anoitecer co
namorado, queixándose porque os “cuidados” do amor non a deixan
durmir.
1.3.
Características formais das cantigas de amigo.
O refrán:
Denomínanse así os versos que se repiten literalmente despois de
cada estrofa dunha composición. Adoita ser un número de versos
inferior ao da estrofa (maiormente entre un e tres), cun xogo de
rimas diferente. A maior parte das cantigas galego-portuguesas levan
refrán, pero é máis frecuente nas de amigo. Cando unha composición
carece de refrán, dicimos que é unha cantiga de meestría e
segue as modas poéticas provenzais.
O paralelismo é un
procedemento repetitivo, típico da cantiga peninsular, que enlaza as
estrofas de dúas en dúas, facendo que os versos da segunda estrofa
sexan unha pequena variante dos versos da primeira. O paralelismo fai
que a unidade rítmica deixe de ser a estrofa para pasar a ser o par
de estrofas. É o trazo máis distintivo da cantiga de amigo. Dentro
do paralelismo diferenciamos entre paralelismo perfecto e imperfecto:
Paralelismo
imperfecto.– Está estruturado por pares de estrofas nos que a
segunda repite o contido da primeira con pequenas variacións.
Aquí tes unha
cantiga de Pero Meogo de paralelismo imperfecto:
–Digades, filha,
mia filha velida:
porque tardastes na
fontana fría?
Os amores hei.
-Digades, filha, mia
filha louçana:
porque tardastes na
fría fontana?
Os amores hei.
-Tardei, mia madre,
na fontana fría,
cervos do monte a
augua volvían.
Os amores hei.
-Tardei, mia madre,
na fría fontana,
cervos do monte
volvían a augua.
Os amores hei.
–Mentir, mia
filha, mentir por amigo!
Nunca vi cervo que
volvess’o río.
Os amores hei.
-Mentir, mia filha,
mentir por amado!
Nunca vi cervo que
volvess’o alto.
Os amores hei.
Paralelismo
perfecto.
Ademais do
paralelismo imperfecto, isto é, da repetición da mesma idea nos
pares de estrofas, presenta como procedemento de cohesión
interestrófica o leixaprén. O leixaprén consiste en facer que o
segundo verso da primeira estrofa sexa o primeiro da terceira, o
segundo da segunda sexa o primeiro da cuarta, e así sucesivamente.
Vexamos agora un
exemplo de Martín Codax de cantiga de paralelismo perfecto con
leixaprén.
Eno sagrado, en
Vigo,
bailava corpo
velido:
amor hei!
En Vigo, no sagrado,
bailava corpo
delgado:
amor hei!
Bailava corpo
velido,
que nunca
houver’amigo:
amor hei!
Bailava corpo
delgado,
que nunca
houver’amado:
amor hei!
Que nunca
houver’amigo,
ergas no sagrad’,
en Vigo:
amor hei!
Que nunca
houver’amado,
ergas en Vigo, no
sagrado:
amor hei
PERSONAXES DA
CANTIGA DE AMIGO.
A amiga
caracterízase en xeral pola inxenuidade, combinada cunha forte
pulsión erótica e, moi a miúdo, co atrevemento e coa picardía. Os
seus estados psicolóxicos son moi variábeis: a tristeza, a
angustia, o medo, a ledicia, pero tamén en ocasións os celos, a
desconfianza, a cólera ante as presumíbeis traizóns do amigo, o
enfado cando non poden cumprirse os seus propósitos etc. Ademais da
amiga, poden participar da cantiga outros personaxes, como actores ou
como interlocutores da namorada: o amigo, as irmanas, as amigas, a
nai, ou incluso animais ou seres inanimados que se personifican: as
aves, as ondas do mar, as flores do verde piñeiro.
O amigo pode
presentar unha variedade de actitudes similar á da amiga. Polo
regular móstrasenos distante, afastado da muller porque foi levado á
guerra (o fossado, o ferido), porque atravesou o mar, porque non se
lle permite visitala ou outras razóns que descoñecemos. Mais tamén
pode mostrársenos frívolo e desatento coa moza, traidor que engana
a rapaza coas outras amigas, coitado e triste porque a moza o rexeita
etc.
As irmanas e
amigas actúan a miúdo como confidentes a quen a moza desvela as
súas emocións e desexos. Nalgúns casos poden converterse en rivais
amorosas.
A nai é unha
figura clave nun gran número de cantigas. Non só é personaxe
ou interlocutor privilexiado: en ocasións soporta tamén a voz
poética e é ela quen fala sobre as relacións entre os namorados ou
se dirixe á filla para censurala e aconsellala contra o amigo. Polo
xeral, como voz da autoridade fronte á mocidade rebelde, desaproba
as relacións amorosas. Actúa entón como prohibidora, que non
permite á filla ir de romaría, causa pánico no amigo para que non
se atreva a ir onda a rapaza etc. En correspondencia, a filla fai por
enganala, méntelle, ocúltalle os seus actos ou descarga contra a
nai a súa ira. Significativamente, os personaxes masculinos quedan
fóra da cantiga de amigo. A figura paterna está totalmente ausente.
 |
| Os trobadores da ría de Vigo |
A NATUREZA E O
SIMBOLISMO NA CANTIGA DE AMIGO.
Nas cantigas de
amigo a natureza desempeña un papel importante, maior canto máis se
aproxime ao modelo tradicional. Non encontramos descricións
extensas, mais si leves referencias que nos serven para situar a
cantiga nun espazo concreto, resaltando aqueles elementos ambientais
que contribúen ao significado da composición. Podemos destacar
diferentes funcións:
Presenta unha
función referencial. O medio introdúcese nas cantigas en forma
de topónimos (Compostela, Lisboa, Vigo etc.), localizadores da
acción; tamén con referencias a santuarios, ao mar, ao río, ao
monte, ás fontes etc.
A natureza
convértese tamén en personaxe, a quen a amiga dirixe as súas
queixas e preguntas, ás que, en ocasións, incluso responde; así
ocorre coas flores, os piñeiros ou as abeleiras. Outras veces
adquire un maior protagonismo, como acontece cos cervos ou as aves.
Pode adquirir
tamén unha función simbólica. A auga é un símbolo
antiquísimo asociado á fertilidade e á relación erótica. As
cantigas de fonte son unha mostra disto. Entre elas destacan as
cantigas de Pero Meogo, onde o cervo simboliza a sexualidade
masculina e a fonte o encontro amoroso. A natureza representa en
ocasións os estados emocionais da amiga. O mar pode desempeñar
distintas funcións: xeralmente é o elemento de separación entre os
namorados e, polo tanto, motivo das coitas da amiga, pero tamén pode
converterse no confidente a quen esta canta as súas tristezas, ou
simbolizar a paixón amorosa da muller. Precisamente este
aproveitamento simbólico da natureza para articular a linguaxe
amorosa é un dos trazos máis singulares da cantiga de amigo.
Multitude de
referentes concretos remiten para un significado oculto, dotando a
cantiga de dous niveis de significación: un superficial, resultante
da literalidade do poema, e outro profundo, cargado de matices
emotivos ou eróticos. Non só a natureza, os cabelos, o brial...