segunda-feira, 25 de janeiro de 2016

Recursos para lingua e literatura

Literatura universal | IES Lauro Olmo

 Aulablog de 1º de Bacharelato

 Literatura universal: De Edipo a Kafka.: Guía de lectura de Madame Bovary


Comentarios filosófico-literarios: “Frankenstein o El moderno Prometeo” de Mary W. Shelley « Grupo Coreander


http://pt.slideshare.net/?ss

COMENTARIO DUNHA CANTIGA

Sedia-m'eu na ermida de San Simon,
e cercaron-mi as ondas, que grandes son.
...Eu atendend'o meu amigo!
...Eu atendend'o meu amigo!
Estando na ermida ant'o altar,
cercaron-mi as ondas grandes do mar.
...Eu atendend'o meu amigo!
...Eu atendend'o meu amigo!
E cercaron-mi as ondas, que grandes son;
non ei i barqueiro nen remador.
...Eu atendend'o meu amigo!
...Eu atendend'o meu amigo!
E cercaron-mi as ondas do alto mar;
non ei i barqueiro, nen sei remar.
...Eu atendend'o meu amigo!

...Eu atendend'o meu amigo!
Non ei i barqueiro nen remador:
morrerei, fremosa, no mar maior.
...Eu atendend'o meu amigo!
...Eu atendend'o meu amigo!
Non ei i barqueiro, nen sei remar:
morrerei, fremosa, no alto mar.
...Eu atendend'o meu amigo!
...Eu atendend'o meu amigo!

Meendinho
(S. XIII)






Estamos ante unha cantiga de amigo porque está posta en boca dunha muller e porque aparece a palabra “amigo” (por primeira vez no refrán). Ademais, e aínda que non sempre se cumpra, aparece o típico paralelismo –que analizaremos despois-, e o refrán, o que a convirte nunha cantiga de refrán, típica tamén das cantigas de amigo.
            A moza conta como acudiu á illa de San Simón para encontrarse co amigo ante a súa ermida (lugar frecuente para a cita dos namorados); agardando feliz por el, non se percata de que a marea sobe, sumida como está nos seus propios pensamentos-sentimentos, e cando volve á realidade comproba que non pode saír de alí porque non hai ninguén que a axude, e ela por si soa non é quen de valerse. Nas dúas últimas cobras afirma, pois, que morrerá “fremosa”  no medio do mar; caben varias perspectivas para a interpretación desta aseveración:
- A moza peca de narcisista, pois considérase a si mesma dotada de grande beleza.
- A moza sábese demasiado nova para morrer.
- A última opción, e para nós a máis acertada, é que do que de verdade se lamenta a moza é de morrer virxe, de acudir a unha cita ilusionada,  nun lugar no que non hai ninguén, e que o mozo non chegue para amala.
Por suposto, a afirmación da súa propia morte é hiperbólica (figura retórica típica das cantigas medievais), pois todos sabemos que a morte é ficticia: a illa non vai desaparecer porque suba a marea. Así pois, esta hipérbole redúndanos na tese de que a cantiga o que quere expresar realmente é a soidade, o desamparo da moza abandoada pola persoa que ela máis ama: o amigo. E este desacougo reflíctese de maneira única no refrán, un refrán duplicado desesperadamente, unha tráxica chamda de impotencia, unha aflixida agonía que remata constante e vitalmente nunha pregunta retórica que supoñemons nin ela mesma quere contestar: “¿E verrá?”.  Nin o mar, nin as ondas, nin os ouvintes da cantiga, poderán respostar a esta chamada anguriada dunha moza namorada, unha dúbida corrosiva sobre os verdadeiros sentimentos do amado.
EN CANTO Á FORMA vemos que é unha cantiga de refrán (os dous últimos versos de cada cobra, neste caso, idénticos), que presenta paralelismo cada dúas cobras (o primeiro verso da primeira cobra co primeiro verso da segunda, o segundo verso da primeira cobra co segundo verso da segunda, e así sucesivamente), e leixaprén, convertendo o segundo verso de cada par de cobras en primeiro verso do par seguinte. O paralelismo presente fai cambiar o hemistiquio final por un sinónimo, ou utiliza a alteración na orde das palabras. Así pois, dunha cantiga de 24 versos, só 5 nos aportan realmente información.
O esquema rimático é o seguinte:
            A               B                 A                B                  A                B
            A               B                 A                B                  A                B
           
Como é habitual, o refrán non rima co resto da cantiga.
            A rima é macho ou aguda ao longo da cantiga, en cobras alternas.
            Os versos son de arte maior, aínda que nesta cantiga non se dá o isosilabismo, salvado pola musicalidade e a cadencia rítmica.
            Pola súa forma interna, diremos que estamos ante unha cantiga monologada, aínda que hai unha pequena presencia de elementos narrativos, como a alternancia verbal, que vai dende o pasado ata o futuro, establecendo así unha progresión na acción.
            EN CANTO AO SUBXÉNERO da cantiga, poderiámola incluír dentro das Barcarolas, xa que se desenvolve nunha paisaxe mariñeira (¡e tanto!), aínda que tamén aceptemos a clasificación de cantiga de Romaría, xa que o lugar elixido para o encontro dos namorados é unha ermida.
            NON aparecen personaxes, só a moza protagonista, suxeito lírico da cantiga, caracterizada fisicamente tan só polo adxectivo “fremosa” xa analizado anteriormente, e que manifesta o sentimento de coita tan propio das nosas cantigas.
 

quinta-feira, 21 de janeiro de 2016

Comentario Frankenstein

Trala morte de Clerval regresei a Suma co corazón esnaquizado. Sentía compaixón por Frankenstein, e a miña piedade foise volvendo horror, ata tal punto que me aborrecía
a min mesmo. Pero ao descubrir que el, o autor da miña existencia á vez que das miñas atroces desgrazas, ousaba esperar a felicidade; que, mentres pola súa culpa se acumulaban sobre min tormentos e afliccions, el buscaba a satisfacción dos seus sentimentos e paixóns, satisfacción que eu tiña vedada, unha envexa incontrolable e unha punzante indignación enchéronme coa insaciable sede da vinganza. Recordei a miña ameaza e decidín levala a cabo. Sabía que eu mesmo me estaba preparando unha terrible tortura; pero atopábame escravo, non dono, dun impulso que detestaba, pero non podía desobedecer. Mais cando ela morreu, non experimentei ningún pesar. No inmenso da miña desesperación, conseguira afastar todos os meus sentimientos e afogar todos os meus escrúpulos. A partir de aí, o mal converteuse para min no ben. Chegado a este punto xa non tiña elección; adaptei a miña natureza ao estado que escollera voluntariamente. O cumprimento do meu diabólico proxecto converteuse nunha paixón dominante. E agora terminou, aí xace a miña última vítima!

Ao principio a narración dos seus sufrimentos conmoveume, pero cando recordei o que Frankenstein me dixera ao respecto da súa elocuencia e poder de persuasión, e vin ante min o corpo inanimado do meu amigo, sentín como revivía en min a indignación.

Miserable! Berrei, agora vés lamentarte da desolación que creaches? Lanzas un facho aceso no medio dos edificios e, cando arderon, sentas a chorar entre as ruínas.Enxendro hipócrita!, si aínda vivise este a quen choras, volvería ser o obxecto da túa maldita vinganza. ¡Non é pena o que sentes!; só xemes porque a vítima da túa maldade escapou xa ao teu poder.



(...)


Vostede, que chama a Frankenstein o seu amigo, parece ter coñecemento dos meus crimes e das súas desventuras.Pero, por moitos detalles que deles lle dese, non puido contarlle as horas e meses de miseria que soportei, consumíndome debaixo de paixóns impotentes. Pois, aínda que destruía as súas esperanzas, non por iso satisfacía os meus propios desexos, que seguían ardentes e insatisfeitos. Seguía necesitando amor e compañía e continuaban rechazándome. Non era isto inxusto? Son eu o único criminal, cando toda a raza humana pecou contra min? Por que non odia vostede a Félix, que botou da súa casa, anoxado, ao seu amigo ?

 
1-Onde sitúas este fragmento.
2-Cal é o tema ou temas do fragmento e que relación ten co resto da obra?
3-Fala dos personaxes o do seu papel.Quen é o narrador?
4-Características formais.

terça-feira, 19 de janeiro de 2016

MADAME BOVARY COMENTARIO

MADAME BOVARY


Por outra parte, estábase poñendo moi sentimental.Fora preciso intercambiar retratos,cortar trenzas de pelo e Emma agora pedíalle un anel,un verdadeiro anel de matrimonio en sinal de alianza eterna.A miúdo faláballe das campás datradiña ou das voces da natureza; despois parrafeaban da nai dela, e a del.Rodolfo perdéraa fhabía xa vinte anos. Emma, así e todo, consolábao con dengues da linguaxe. Como se se atopase diante dun meniño abandoado , e incluso lle decía ás veces, mirando cara á lúa:
-Estou segura que desde alá arriba as dúas aproban o noso amor.

Pero estaba tan fermosa !Rodolfo posuíra tan poucas mulleres de semellante candor !Este amor sen desenfreo era para el algo novo e sacándoo dos seus costumes fáciles, afagaba á vez o seu orgullo e a súa sensualidade.A exaltación de mma, que o seu bo xuízo de burgués desprezaba, parecíalle non fondo do corazón encantadora, posto que se dirixía a súa persoa. Entón, seguro de ser amado, non se molestou e insensiblemente as súas maneiras cambiaron.

Xa non tiña, como antes , aquelas palabras tan doces que a facían chorar, nin aquelas afervoadas caricias que a enlouquecían, de maneira que o seu grande amor, no que vivía mergullada, parecía que ía descendendo baixo os seus pés, como a auga dun río que se absorbera no seu leito, e percibiu a lama.Non quería crelo, redobrou a súa tenrura e Rodolfo cada vez menos agochou a súa indiferencia.

Emma non sabía se ela se laiaba por ter cedido ou, polo contrario, se desexaba amalo máis.a humillación de sentirse feble tornábase en xenreira que só os praceres atemperaban. Non era agarimo, era como unha sedución permanente.Rodolfo escravizábaa.Ela case lle tiña medo.




1-Fai un comentario do seguinte texto tócando todos os puntos,narrador,tema,partes do texto, personaxes,vixencía na actualidade....

domingo, 17 de janeiro de 2016

Comentario Madame Bovary.1ºBAC



Por outro lado, sentíase máis anoxada contra el.Carlos collía, coa idade, certos habitos groseiros: na sobremesa cortaba o tapón das botellas baleiras;pasaba a lingua polos dentes, despois de comer; ao tragar a sopa facía unha especie de cacarexo e como comezaba a engordar, os seus ollos, xa pequenos, semellaban subir cara ás sens pola inchazón das meixcelas.

Emma,algunhas veces,metíalle dentro do chaleque a beira encarnada da camiseta, axustaballe a gravata ou botaba a un lado as luvas destinguidas que ía poñer.E non era , como el cría, por el; era por ela mesma, por egoísmo, por irritación nerviosa.Ás veces, tamén,faláballe de cousas que ela lera, como dunha pasaxe de novela, dunha nova peza de teatro ou da anécdota do “gran mundo” que contaban no folle tín do xornal; pois, en fin,carlos era algén, un oído sempre aberto,unha aprobación sempre disposta.Tamén ela lle facía confidencias á súa cadela galga! E fariállelas aos troncos da cheminea e ao pémdulo do reloxo.

No fondo da súa lama, así e todo, esperaba un acontecemento.Como os naúfragos en apuros,paseaba pola soidade da súa vida uns ollos desesperados,buscando ao lonxe algunha candea branca nas brétemas do horizonte.Non sabía cal sería aquel azar, o vento que o impulsaría cara a ela, a que beira a levaría, se sería chalupa ou navío de tres pontes, cargado de angustias ou cheo de felicidade até os topes.Pero cada mañá, ao espertar, esperábao para aquel día e escoitaba todos os ruídos, erguíase sobresaltada,estranábase de que non viñese; despos, ao solpor, cada ver máis triste,desexaba estar no día seguinte.

Volveu a preimavera.Emma sentiu afogos coas primeiras calores, cando floreceron as pereiras.

Desde primeiros de xullo, contou cos dedos cantas semanas lle faltaban para chegar ao mes de outubro, pensando que o Marqué de Andervilliers, quizais aínda daría outro baile na Vaubyessard. Pero todo setembro pasou sen cartas nen visitas.
Tradutor. Antonio Pichel.

1-Cal é o tema do fragmento?Como está desenvolvido? Partes do texto.

2-Describe os personaxes: que características teñen? Cal é a súa actitude?

3-Características formais,léxico,tipo de oracións,verbos...

4.Quen é o narrador ?

5-Cal é a túa opinión do comportamento dos personaxes?

quarta-feira, 13 de janeiro de 2016

COMENTARIO FRANKENSTEIN

3.- COMENTARIO LITERARIO. Pode seguir a estrutura das cuestións ou facer un comentario globalizado (7 puntos)
Nunha lúgubre noite de novembro vin coroados os meus esforzos. Cunha ansiedade que case raiaba na agonía, reunín arredor de min os instrumentos necesarios para lle poder insuflar unha chispa de vida ao ser inerte que xacía a pé de min. Xa era a unha da madrugada, a choiva batía triste nos vidros e a vela estaba case ensumida, cando, baixo o tremer da luz da medio extinguida chama, vin como a criatura abría un ollo amarelo pálido, respiraba con forza e un movemento compulsivo se apoderaba dos seus beizos.
¿Como podo describi-las miñas emocións ante esta catástrofe ou bosquexa-lo desgraciado a quen con tan infinitos traballos e coidados me esforzara en formar? Tiña os membros proporcionados e eu seleccionara as súas faccións para que fosen fermosas. ¡Fermosas! ¡Meu Deus! A súa pel amarela a penas cubría a obra de músculos e veas que quedaba por baixo; o cabelo era dun negro lustroso e largo; os dentes dunha brancura de pérolas; pero estas exuberancias non facían senón contrastar dun xeito máis horrible cos seus ollos acuosos que semellaban case da mesma color branca pardenta das órbitas en que estaban implantados, coa súa tez engurrada e cos beizos negruzcos e rectos.
Os diferentes accidentes da vida non son tan mudables como os sentimentos da natureza humana. Traballara duro durante case dous anos co único propósito de lle infundir vida a un corpo inanimado. Por causa disto, privárame de repouso e saúde. Arelárao cunha vehemencia que excedía en moito á moderación; pero agora que rematara, esvaecérase a beleza do soño e un horror e repugnancia indicibles invadíronme o corazón.
Frankenstein ou o moderno Prometeo, Mary Shelley
Tradución de Fernando R. Tato Plaza
3.1.- Mary Shelley e a súa época (1 punto).
3.2.- Faga unha breve exposición sobre a autora e a súa produción literaria,atendendo á obra seleccionada (1 punto).
3.3.- Expoña o tema do fragmento e relacióneo co resto da obra. Fíxese no sentido da obra, no tratamento dos personaxes... (2,5 puntos).
3.4.- Analice as características formais do fragmento e obra (1,5 puntos).
3.5.- Faga unha valoración persoal e crítica sobre a obra. Interese e vixencia, ou non, do relato, pensando por exemplo nos avances da enxeñaría xenética (1 punto).

sábado, 2 de janeiro de 2016

Dúas presentacións de Roman Landín

Os xéneros literarios para 1º da ESO.
http://www.slideshare.net/landin/a-literatura-a-linguaxe-literaria-os-xneros-literarios


Mapas dialectais de Noemí Pazó

http://www.slideshare.net/landin?utm_campaign=profiletracking&utm_medium=sssite&utm_source=ssslideview

A LÍRICA PROFANA (1º DE BAC)

Ese traballo coíncide co blogue Has de cantar de Anxos García con algunhas modificacións.

LITERATURA GALEGO PORTUGUESA MEDIEVAL(LÍRICA PROFANA)




TEMA 5 (1º Bac): A POESÍA TROBADORESCA GALEGO-PORTUGUESA (I)

Introdución

Entendemos por poesía trabadoresca galego-portuguesa a produción poética medieval feita en lingua galega (ou galego-portuguesa) entre finais do século XII e mediados do século XIV. Consta dun conxunto de 1680 cantigas de tema profano transmitidos por tres cancioneiros manuscritos e 427 cantigas de tema relixioso, as Cantigas de Santa María, recollidas en catro códices.
a)Cantigas de amigo,475.
b)Cantigas de amor,arredor de 725 textos.
c)Cantigas de burlas ou de escarnho e maldizer,430.
Ademais destes hai unha serie de xéneros menores que tiveron entre nós un escaso desnevolvemento .Entre todos non chegan a agrupar medio cento de cantigas,e dalgún non conservamos máis ca un único exemplar.Son a pastorela, o pranto, a tenzón, o lai, o desacordo e o sirventés moral.




5. 1. A poesía profana
A poesía trobadoresca nace no sur da actual Francia, a Occitania, como o produto cultural máis requintado das ricas cortes feudais. É unha arte laica, á marxe do control eclesiástico, que exalta o amor heterosexual e o servizo ás damas como un camiño de perfección do ser humano. Esta cultura aristocrática cortesá, literaria e musical, axiña se estendeu por toda Europa. Nalgúns lugares prendeu e chegou a ter un desenvolvemento propio, como é o caso das cortes reais e aristocráticas do occidente da Península Ibérica: a escola trobadoresca galego-portuguesa.

A nosa lírica medieval, polo tanto, é de carácter trobadoresco. Nace entre finais do século XII e principios do século XIII, inspirada na literatura que estaba de moda en Europa: a lírica trobadoresca occitana.  Dela toma o tema fundamental, o amor cortés, así como as formas poéticas e musicais.

Porén, a escola trobadoresca galego-portuguesa axiña adquirirá personalidade propia, tanto na súa interpretación do amor cortés a través do xénero da Cantiga de amor, como na adaptación ao estilo trobadoresco da tradición autóctona da canción de muller a través das Cantigas de amigo. Polo que respecta ás Cantigas de escarnio e maldicir, se ben ten relación co xénero occitano do sirventés, presenta temas e tratamentos formais característicos.

Dos tres xéneros que acabamos de mencionar, dous teñen como tema fundamental a expresión do amor entre un home e unha muller: as cantigas de amor e as cantigas de amigo. O terceiro, as cantigas de escarnio e maldicir, teñen como obxecto a crítica burlesca dunha gran variedade de temas: sociais, políticos, literarios, etc. A maioría das cantigas que se conservaron pertencen a un destes tres xéneros, pero tamén hai exemplos doutros xéneros como a alba, a pastorela ou o pranto.


A cantiga de amor traspón as relacións sociais xerárquicas que ordenaban o mundo feudal ás relacións amorosas. Deste xeito o poeta, na cantiga de amor a voz poética é sempre a do poeta namorado, considérase un vasalo ao servizo da dama á que nomea como senhor. A senhor aparece como un ser idealizado, inalcanzable na súa perfección e o poeta sabe que non é merecedor dela, polo que o servizo amoroso é unha fonte de sufrimento que chama coita de amor. Porén, a súa perseveranza é considerada como un camiño de perfección que o achega a Deus. A coita de amor é o tópico fundamental sobre o que xiran estas cantigas. O único que queda por saber é como afronta con resignación ou se rebela contra el o poeta. Outros aspectos complementarios que se adoitan tratar son: a descrición da amada, o amor (forzado) a primeira vista, o amor non correspondido e a perseveranza do poeta perante o desdén da dama, a necesidade de manter en segredo o amor, o pesar da señor polo amor do poeta e a obsesión amorosa do poeta.






A cantiga de amigo presenta a relación amorosa desde o punto de vista feminino. A voz poética, polo tanto, é a dunha muller (raramente é unha voz en 3ª persoa que narra o que sucede entre os namorados) que nos fala, a nós ou a outro interlocutor, da súa experiencia amorosa. Trátase dun amor correspondido, ou con moitas probabiblidades de selo, non só espiritual senón tamén físicamente. En moitos casos a cantiga de amigo é o reverso da cantiga de amor pero humanizada: aparecen todos os tópicos do amor cortés, pero a dama que agora fala xa non é aquel ser frío e inaccesible, moitas veces cruel, da cantiga de amor, senón unha muller que padece tamén o sufrimento do amor.
Noutro tipo de cantigas de amigo, chamadas popularizantes, a amiga ten un papel moi activo na relación amorosa, preséntase rodeada da natureza, disposta para un encontro amoroso que pode producirse, colmando aos amantes de felicidade, ou non, causando unha gran frustración. Tanto nun caso coma no outro, os elementos da natureza escollidos na ambientación cobran un importante valor simbólico, dándonos información acerca do que pasou ou vai pasar. Temas frecuentes nas cantigas de amigo son: a concordia amorosa, o amor prohibido, a indiscreción do amigo, a ruptura, a separación e a coita da amiga.



Resulta moi difícil realizar unha clasificación temática que abranga a totalidade das cantigas de amigo.Algunhas mostran uns rasgos comúns que nos permiten falar de:
a)Mariñas ou barcarolas.
b)Cantigas de romaría.
c)Bailadas.
d)Albas.
Nas cantigas de amigo aínda que escritas por homes a voz poética é sempre a da amiga que se dirixe ao amigo mostrando diversos estados de ánimo segundo a súa relación con el.Ademais da amiga e do amigo entre os personaxes das cantigas podemos destacar as irmanas e as amigas que moitas veces actúan de confidentes, porén tamén poden ser rivais e a nai que algunha vez pode ser a voz poética censurando ou aconsellando á filla mais na maioría dos casos actúa como opoñente e prohibidora.

As cantigas de escarnio e maldicir teñen unha finalidade lúdica, pois buscan facer rir ao público utilizando a burla e a ironía para criticar variados aspectos da sociedade e dos acontecementos políticos e literarios contemporáneos. A sátira política foi utilizada en ocasións para intervir en conflitos que tiveron moita importancia histórica intentando influír na opinión pública. Un exemplo disto serían as cantigas onde Alfonso X critica a covardía dos seus cabaleiros na guerra de Granada das que temos un exemplo en O genete. A sátira social, persoal e de costumes critica as faltas e excesos de personaxes e grupos sociais, moitas veces a partir de personaxes arquetípicos: Ex. as sátiras contra os infanzóns e cabaleiros da baixa nobreza, os cabaleiros que non gardan o decoro, etc. Un grupo importante de cantigas utiliza unha temática abertamente obscena na súa crítica contra as soldadeiras, os clérigos viciosos, os homosexuais, pedófilos, onanistas, etc. A sátira literaria mostra a estreita relación e interacción que existía entre os trobadores e xograis: críticas ás composicións dos outros, sátiras sobre certos tópicos do amor cortés, debates dialogados, acusacións de plaxio ou incompetencia, etc. Máis escasos son os exemplos de sátira moral con intención de queixarse da perda xeral de valores no mundo e a defensa polos bos costumes e a virtude dos tempos pasados, un subxénero que se remonta á antigüidade clásica.

Recursos formais
Nas cantigas de amor atopamos un maior número de composicións de meestría,sen refrán.Mentres que as composicións con refrán abundan nas cantigas de amigo.Nestas últimas tamén son moi antúadosn os porcedementos paralelísticos.
Dous apuntamentos sobre a métrica: os versos adoitan se de igual medida, se o número de sílabas é diferente entre os versos dunha estrofa esa diferenza debe repetirse nas seguintes. Entre estrofas pode haber variación métrica. A variación tamén pode darse na rima nas diferentes estrofas.
A maioría dos recursos formais da poesía galego-portuguesa teñen que ver coa repetición, algúns deles son específicos desta escola:
Dobre: repetición dunha palabra dúas ou máis veces na mesma estrofa, en todas as estrofas e no mesmo lugar.
Mordobre: é un artificio similar ao dobre pero no canto da mesma palabra usa palabras da mesma familia léxica.
Palabra rima: unha palabra ou secuencia de palabras repetida en posición de rima no mesmo verso de todas as estrofas.
Rima derivada: o mesmo cá palabra rima pero en vez de tratarse dunha palabra trátase de palabras da mesma familia léxica.
O paralelismo: o paralelismo literal dáse entre versos que se repiten case idénticos cunha pequena variación como o cambio dunha palabra por un sinónimo. O leixa-pren  consiste en repetir o 2º verso da 1ª estrofa como 1º verso da 3ª estrofa, o 2º verso da 2ª estrofa como 1º verso da 4ª estrofa e asísucesivamente.
Procedementos de ligazón entre estrofas: Ademais do leixa-pren, utilízanse outros procedementos que facilitarían a memorización das cantigas para os intérpretes.
-Cobras capcaudadas: O primeiro verso dunha estrofa retoma a rima do último verso da anterior.
-Cobras capfinidas: o 1º verso da 2ª estrofa retoma un lexema, palabra ou frase do último verso da estrofa anterior.
-Cobras capdenals: son as que teñen versos que comezan pola mesma palabra ou grupo de palabras.

Cantigas atehudas: son aquelas nas que o sentido dunha estrofa non se completa ata a estrofa seguinte e así sucesicamente vanse encadeando as estrofas. Ao final poden ter uns versos finais, a fiinda, onde remataría o sentido a última estrofa e chegariamos á conclusión. Esta posibilidade chámase cantiga de ata fiinda.

Polo que respecta ás figuras literarias de pensamento, as máis frecuentes son:
O paradoxo: é unha figura que se basea en atentar contra a lóxica, por exemplo, na afirmación de dúas sentencias que se contradín: ex. Ora non moiro, nen vivo, nen sei(...)
A perífrase: consiste en empregar unha frase ou oración alusiva no canto de usar a palabra directamente: ex. a que me sempre desamou no canto de a minha senhor.
A comparación: moitas veces funcionan como simples estereotipos (son sempre as mesmas): ex. a mais fremosa de quantas Deus fez.
A hipérbole: É unha figura moi importante na poética trobadoresca, tanto para os xéneros amorosos como os burlescos: ex. acusar a Deus de pecar por permitir que os seus vasalos se namoren sen esperanza. Hiperbólica é toda a narración que fai Eanes Coton sobre a ansia de quedar ben sen gastar de Don Fagundo.
A metáfora: o xénero que máis utiliza este recurso é o de escarnio: ex. na cantiga de Pero da Ponte, a maeta ferrada que perdeu o cadeado é unha clara metáfora dos órganos sexuais de María Balteira, accesibles a calquera.
O símbolo: presente nun pequeno pero importante grupo de cantigas de amigo. Son elementos da natureza (fonte, auga, auga avolta, cervo, lavar cabelos, mar, ondas, flores, aves cantoras) ou obxectos (anel, cinta, rachar a tea do vestido, brial, camisa).
A ironía: consiste en afirmar o contrario do que se pensa con intención de burlarse desa afirmación. O xénero que máis a utiliza é o de escarnio, ex: a 1ª cantiga de Pero da Ponte, Quen a sesta quiser dormir, baséase nesta figura.
O equívoco: é unha figura que xoga cos dobres sentidos das palabras, provocando ambigüidade e un sentido oculto (ás veces difícil de descubrir) que agacha unha crítica feroz. é o caso da 2º cantiga de Pero da Ponte, María Pérez, nossa cruzada.

BIBLIOGRAFÍA: Arias Freixedo, X.B. (2003). Antoloxía da lírica galego-portuguesa, Vigo, Ed. Xerais

Apresentación do roteiro:Manuel María pola Terra Chá.

Manuel María pola Terra Chá.

PUTA

 Video poema feito por Marta Villar sobre este poema de Luisa Villalta do libro póstumo Papagaio. PUTA