terça-feira, 15 de março de 2016

O filho inculto de Pessoa.

“Sou um guardador de rebanhos…” Sobre Alberto Caeiro encarnado en Fernando Pessoa. Raquel Miragaia

1. Biografia.

 Fernando António Nogueira Pessoa naceu en 1888, en Lisboa, aí morreu en 1935, e poucas veces deixou a cidade en adulto, mais pasou nove anos da súa infancia en Durban, na colonia británica da África do Sur, onde o seu padrasto era o cónsul Portugués. Pessoa, que tiña cinco anos cando o seu pai morreu de tuberculose, tornouse un rapaz tímido e cheo de imaxinación, e un estudante brillante. Pouco despois de completar 17 anos, volveu a Lisboa para entrar no Curso Superior de Letras, que abandonou despois de dous anos, sen ter feito un único exame. Preferiu estudar por súa propia conta na Biblioteca Nacional, onde leu libros de filosofía, de relixión, de socioloxía e de literatura a fin de completar e expandir a educación tradicional inglesa que recibira na África do Sur. A súa produción de poesía e de prosa en Inglés foi intensa durante este período, e ao redor de 1910, xa escribía tamén moito en Portugués.  Vivindo por veces con parentes, outras veces en cuartos alugados, Pessoa gañaba a vida facendo traducións ocasionais e redacción de cartas en inglés e francés para firmas portuguesas con negocios no estranxeiro. Aínda que solitario por natureza, cunha vida social limitada e case sen vida amorosa, foi un líder activo da corrente modernista en Portugal, e el propio inventou algúns movementos, entre os cales un «Interseccionismo» de inspiración cubista e un estridente e semifuturista «Sensacionismo».  Respectado en Lisboa como intelectual e como poeta, colaborou regularmente en revistas, algunhas das cales axudou a fundar e a dirixir, mais o seu xenio literario só foi plenamente recoñecido tras a súa morte.   Pessoa escribía en cadernos de notas, en follas soltas, no verso de cartas, en anuncios e panfletos, no papel timbrado das firmas para as cales traballaba e dos cafés que frecuentaba, en sobrescritos, en sobras de papel e nas marxes dos seus textos antigos. Para aumentar a confusión, escribiu baixo decenas de nomes. Chamou heterónimos aos máis importantes destes «outros eus», dotándoos de biografías, características físicas, personalidades, visións políticas, actitudes relixiosas e actividades literarias propias. Algunhas das máis memorábeis obras de Pessoa escritas en Portugués foron por el atribuídas aos tres principais heterónimos poéticos: Alberto Caeiro, Ricardo Reis e Álvaro de Campos e ao «semi-heterónimo» Bernardo Soares. Os moitos outros alter-egos de Pessoa inclúen tradutores, escritores de contos, un crítico literario inglés, un astrólogo, un filósofo, un frade e un nobre infeliz que se suicidou. Había até un seu «outro eu» feminino: unha pobre corcunda con tuberculose chamada Maria José, perdidamente enamorada dun cerralleiro que pasaba pola xanela onde ela sempre estaba, ollando e soñando.
Biografía de Richard Zenith en http://casafernandopessoa.cm-lisboa.pt/
2. Contexto histórico e cultural.
  O final do século XIX e o principio do XX veu marcado polos enfrontamentos entre as diferentes potencias que xa mostraran o seu poder co imperialismo do século XIX. As tensións entre as potencias derivarán na I Gran Guerra. Dise habitualmente que neste final do século XIX comeza a modernidade, tanto polas novidades científicas e tecnolóxicas (a teoría da relatividade de Einstein, a invención do automóbil, o avión ou o cinematógrafo) que mudan a forma de concibir o universo; como polas diferentes posturas no pensamento e na arte. Canto ás novidades máis reseñábeis no pensamento, temos que falar de dous filósofos fundamentais: Friederich Nietzsche co seu postulado da “morte de deus” como unha maneira de simbolizar a quebra da civilización e a ocupación do ser humano dese lugar divino, un ser humano especial, perfecto (un superhome) e tamén Henri Bérgson coa súa revalorización da intuición, facendo predominar os valores espirituais sobre os racionais. No campo da literatura, pódese dicir que nesta época xurde a literatura moderna, é dicir, unha mudanza radical na forma de entender os postulados estéticos, na literatura e na arte en xeral. Esa renovación verase concretada nos movementos simbolistas e, especialmente, nas vangardas (vid. tema 6). Fernando Pessoa sentiu a influencia de todos estes movementos converténdose nun dos primeiros introdutores destas correntes literarias en Portugal. Alén de ser o transmisor das novidades, tamén se considera o creador do sensacionismo, un movemento estético baseado na procura das sensacións. Participou activamente na creación de revistas literarias fundamentais como Orpheu ou Presença.
3. A obra de Fernando Pessoa e os outros “eus”: tres heterónimos fundamentais.
 O mais característico de Fernando Pessoa é o seu desdobramento literario en diferentes heterónimos, á maneira da máscara no teatro clásico Pessoa crea as súas outras persoas (pessoas) coa creación de diferentes personaxes cos que pode expresar as diversas facetas da súa personalidade artística. Creou máis de cen heterónimos diferentes, aínda que só vamos falar dos seus tres principais: Álvaro de Campos, Ricardo Reis, e, por suposto, Alberto Caeiro. Tan importantes foron estes heterónimos que case non publica obra asinada co seu verdadeiro nome, a obra máis destacada de Fernando Pessoa ortónimo foi Mensagem unha colección de poemas sobre personaxes históricos portugueses en que se sente un certo patriotismo e se revive o mito do sebastianismo (o desexo da “resurrección” do rei Sebastião I para manter a coroa portuguesa). De Ricardo Reis sabemos que foi médico de profesión e de ideoloxía monárquica. A súa educación foi de carácter clásico e latinista, o que lle fixo dominar á perfección a forma dos poetas latinos. A súa concepción da vida está marcada pola simplicidade, a serenidade e a aceptación da relatividade das cousas. É seguidor do sensacionismo, unha herdanza do seu mestre, Alberto Caeiro. Alvaro de Campos é un enxeñeiro que estudou en Escocia e viaxou por Oriente. É o máis vangardista de todos os heterónimos pois a súa estética está ben próxima do futurismo (admira a enerxía, a forza, a civilización) e o sensacionismo (escribe sobre as sensacións da enerxía e o movemento. O subxectivismo radical da súa obra acabará por levalo á conciencia do absurdo, ao tedio, á desilusión e ao cansazo vital. Alberto Caeiro é o mestre dos dous anteriores, como eles mesmos proclaman. O seu nacemento literario está documentado en varias cartas de Pessoa en que conta como no día 8 de marzo de 1914 Caeiro aparece para Pessoa escribindo máis de 30
poemas do Guardador de rebanhos. A súa voz poética reivindica a simplicidade, a serenidade e clareza das cousas. Poderíase resumir de forma completamente redutora a Caeiro como o poeta da natureza e da actitude antimística. Mais vamos ver estes aspectos máis pormenorizadamente no seguinte apartado. 
4. Alberto Caeiro: guardador de rebanhos e filósofo anti-filosofía.
4.1.Temática: a non filosofía.
 Alberto Caeiro comeza o seu poemario cunha declaración de intencións: non é un guardador de rebanhos mais é como se o fose. Máis adiante, evolucionará para afirmar xa a súa identidade, tórnase guardador de rebaños a medida que a poesía avanza. E, que ten esa figura para ser tan atractiva ao poeta que se torna ele mesmo pastor? Ten a simplicidade e o contacto coa Natureza. Porque toda a temática dos poemarios de Caeiro podería reducirse a dous aspectos: “as coisa não têm significação: têm existência”, e a Natureza é o maior exemplo do existir sendo, á súa vez, divindade. A voz poética de Caeiro fai unha continua afirmación filosófica do sentido da vida, afirmación que contradí a súa propia teoría de negación da filosofía. Esa afirmación consiste en aceptar o mundo tal e como é e tratar de entendelo da única maneira posíbel: a través da percepción. Non existe significado trascendente nas cousas, na realidade, o único significado posíbel é o propio feito da existencia e iso é simples e complexo á vez. Se queremos entender o mundo só temos que percibilo, non pensar nel. Percibilo a través dos sentidos (fundamentalmente a vista), da forma máis obxectiva posíbel. Por iso, ningunha valoración é verdade, calquera valoración (como a afirmación da beleza das cousas) desvirtúa a realidade, contamínaa. As cousas non teñen beleza, teñen cor, teñen forma, mas a beleza é unha intervención humana sobre as cousas. O sentido preferido para esa percepción é a vista, a ollada non intervén na realidade, as cousas están alí e só se aprecia a súa existencia (a súa esencia) a través da ollada. Se non pensamos no mundo, se só o vemos, eliminamos as mediacións entre o realidade e o “eu” poético, obxectivo final de Caeiro. Entre as moitas mediacións posíbeis, a propia linguaxe poética que debe desfacerse de todo o que deturpe a realidade (como a metáfora, figura literaria moi pouco usada por este heterónimo). Nesta procura da esencia das cousas, de SER, cobra unha especial importancia o presente, por ser o único tempo que existe. Hai que rexeitar o pasado e as súas lembranzas e o futuro e as súas especulacións por non ter existencia. Só o presente existe (e ás veces nin iso). A Natureza, omnipresente en todo o poemario, é o exemplo máis claro da existencia. É unha referencia continua pola súa existencia sen pensamento, o “eu” poético trata de identificarse con ela, con as cousas que existen. Esa Natureza que é ademais de carácter divino, igual que o ser humano e todo o que existe, nese panteísmo característico de Caeiro. Rexeita todo tipo de dogmatismo relixioso e símbolos cristiáns tan ridículos (vid. poema VIII) e afirma o carácter divino de todos e cada un dos elementos da realidade. E se a Natureza é divina, tamén é variable, por tanto, infinita. Coñecer a natureza é ver as cousas como se se viran por primeira vez, porque a margarida que vemos hoxe non é a mesma que a que vimos onte (a de onte, xa non existe). Este concepto da infinita variabilidade das cousas lembra o río de Heráclito en que nunca podes bañarte por segunda vez. Entón, ante esta non-filosofía, non se pode aceptar ningún discurso sobre o Universo, a metafísica non existe, a única metafísica posíbel e o simple feito de existir. Esa negación da metafísica esténdese até calquera forma de pensamento. Se pensamos as cousas atribuímoslle características que non teñen, por iso, o pensamento é metodicamente rexeitado poema tras poema.
E como se entende a morte nesta non filosofía? Pois nunha dicotomía contraditoria ou non tanto. Caeiro fálanos nos Poemas inconjuntos da súa propia morte, esta non vai modificar nada porque non modifica a existencia, a consciencia do resto da realidade de existir. E ao mesmo tempo si modifica o mundo, porque o mundo sen un individuo non é o mesmo mundo que con ese individuo, nesa eterna e infinita variación da realidade. 
4.2. Estilo: a simpleza e o nudismo literario.
  Se o mundo é simple e sinxelo, se a realidade existe e iso é o único importante, a linguaxe con que transmitimos ese mundo non pode traizoalo. Por iso Caeiro pode ser acusado en certas ocasións de pobreza léxica, mais é unha pobreza completamente falsa. A súa poesía está baseada na sinxeleza: o mundo existe, é simple e só hai que ollar para velo, para entendelo. Por tanto, a poesía debe ser igualmente simple e fiel á realidade. Non se excede no uso de figuras estilísticas, apenas aquelas repeticións que van axudar a transmitir o mundo tal e como é: - enumeracións longas ou cortas sobre o que existe. - concatenacións lóxicas que explican o mundo: “Sou un guardador de rebanhos/o rebanho é os meus pensamentos/e os meus pensamentos são todos sensações) - anáforas e polisíndetos subliñando as enumeracións (se o mundo non se pode pensar, só ver, tampouco se pode explicar, só mencionar) - paralelismos sintácticos e semánticos - ecos (repeticións de coordenadas temporais –agora- e espaciais –aquí-) O seu estilo sinxelo evita os adxectivos innecesarios, úsanse poucos e de campos semánticos escasos (tristeza/alegría, beleza...). Evítase tamén o uso excesivo de metáforas aínda que podemos encontrar algunhas e substitúense pola continuada comparación, todo é “como se”, “como”. En ocasións, o discurso argumentativo fica moi claro en afirmacións categóricas, de sabedoría xeral. Outras veces ese mesmo discurso argumentativo represéntase a través das preguntas retóricas e das hipóteses que se confirman. A Natureza omnipresente pode ser animalizada, igual que os fenómenos naturais, como unha forma de facela máis presente, máis patente. E non todo é trascendente nin natural, a presenza de elementos do cotiá fan mais “real” a poesía. O seu estilo pode caracterizarse en moitas ocasións de inocente, case infantil, trasladando ao estilo esa maneira inxenua en que os nenos perciben o mundo, con comparación simples e léxico pouco variado. Como calquera outro filósofo, non todo na súa visión do mundo é claro, tamén se contradí. Esas contradicións formúlanse a través dos paradoxos e de realidades que se negan a si mesmas.
BIBLIOGRAFÍA.
PESSOA, F. (2011): Poemas de Alberto Caeiro, Colección Visor de Poesía. PESSOA, F. (1986): A poesia de Alberto Caeiro. Apresentação crítica, selecção e linhas de leitura de Manuel Gusmão,  Comunicação. FERREIRA, Luzilá Gonçalves (1989): A anti-poesia de Alberto Caeiro: uma leitura de o guardador de rebanhos, Recife : Associaçao de Estudos Portugueses Jordao Emerenciano. http://casafernandopessoa.cm-lisboa.pt/index.php?id=223 http://arquivopessoa.net/textos/1456   https://www.youtube.com/watch?v=3b2Q_DJDMho https://www.youtube.com/watch?v=ZNWEmKLLFWA

PUTA

 Video poema feito por Marta Villar sobre este poema de Luisa Villalta do libro póstumo Papagaio. PUTA