o reloxo
mirando un río quizais inexistente facía todo por nada
había un casucho cheo de ferragachos inútiles
arandelas estrañas
cousas definitivas no óxido dun cravo alí entraba eu
como unha cirrigaita abaneando os lazos do meu pelo
abría un caixón e de repente
a maquinaria estrita dun reloxo contiña a respiración
(se lle tocabas era case capaz de se lamentar )
pero aquel home
que quedara orfo aos once anos
poñiame sobre o peito algún mecanismo
que deixara de funcionar en 1930
e vías a súa vida
tan clara como aquel río
dáballe corda e xa está
era o reloxo do cura.
o cura
unha noite
petaron na porta as dúas irmás do cura
andando desde Santo Adrián a Saa
traían unha pistola
sabían ben que hora era
o reloxo do cura marcaba as doce en punto.
o señor da cantina
eu non sabía
porque
o señor da cantina me daba medo
o irmán do somatén de Saa
vendíanos o azucre e o pemento
pesaban mal as súas pesas de a quilo
estaba en mal estado o malte e a fariña
vaia se estaban
preguntábame sempre eres a neta do Venas, verdá?
non se sabía porque
o señor da cantina me daba tanto medo.
CRÁTER: OLGA NOVO.