segunda-feira, 7 de janeiro de 2019

LÍRICA PROFANA: AS CANTIGAS DE AMIGO


A CANTIGA DE AMIGO

1.A cantiga de amigo é un xénero poético de orixe autóctona, cuxas raíces máis antigas non nos é posíbel determinar. Responde ao modelo da canción de amor feminina, un tipo de composición común a todos os pobos indoeuropeos e que nos distintos territorios de Europa deu lugar a produtos peculiares. Na Península Ibérica, a cantiga de amigo emparenta directamente coas kharjas mozárabes, case contemporáneas e con características formais e temáticas moi semellantes. A cantiga de amigo é, polo tanto, un xénero pre-trobadoresco, se ben as mostras máis antigas que conservamos son da mesma época cás cantigas trobadorescas.
AS CANTIGAS DE AMIGO
Son composicións poéticas breves feitas por un trobador (un home) e postas en boca dunha muller namorada. Nos primeiros versos da cantiga, case de modo invariable, figura a palabra “amigo” ou unha variante desta. A dona que aparece sempre nestas composicións é unha doncela, unha muller virxe que, non obstante, coñece todos os segredos do amor e adquire todos os estados psicolóxicos da muller namorada. Mais temos que ter en conta que o autor é sempre un home polo cal o que se nos amosa son os sentimentos femininos desde a perspectiva do home, non desde a perspectiva da muller.

Este xénero caracterízase pola súa homoxeneidade. A cantiga de amigo presenta sempre un preámbulo narrativo nos seus primeiros versos no que a amiga fai referencia ao amigo para nos indicar os seus sentimentos, ou tamén pode facer referencia a outro tipo de interlocutores como logo veremos. O resto dos versos da composición veñen completar con variacións a idea transmitida nestes primeiros versos. Nas cantigas de amor nunca se produce o diálogo entre os namorados, sabemos do amigo sempre a través das palabras da senhor en soidade ou con outros interlocutores.

a) Cantigas de amigo tradicionais: Son as que supomos máis fieis á forma autóctona da canción de amor feminina e recollen os elementos antes relacionados. Son todas elas cantigas de refrán; a estrofa está formada por dous versos (dístico) e combinan os recursos de paralelismo e leixaprén.
b) Cantigas de amigo contaminadas: Son aquelas influídas polo lirismo trobadoresco. Conservan o refrán, pero a estrofa está formada por máis de dous versos; teñen paralelismo, pero non leixaprén. A linguaxe segue sendo a da cantiga tradicional, mais introdúcense tamén elementos alleos ao ambiente natural.

c) Cantigas de amigo trobadorescas: Son aquelas que, como resultado da influencia provenzal, adoptan a forma e a linguaxe da cantiga de amor, conservando a voz poética feminina.


1.1. Clasificación das cantigas de amigo atendendo ao interlocutor Podemos diferenciar os seguintes grupos segundo o destinatario:

1 - Cantigas directamente dirixidas ao amigo
2 - Cantigas dedicadas a un auditorio
3 - Cantigas dedicadas a unha amiga
4 - Cantigas dedicadas a varias amigas
5 - Cantigas dedicadas a unha ou varias donas
6 - Cantigas dedicadas á nai
7 - Cantigas da nai á filla
8- Cantigas dedicadas á irmá
9 - Cantigas dedicadas ao Amor
10 - Cantigas dedicadas a elementos da Natureza
11 - Cantigas dedicadas aos santos e a Deus

1.2. Subxéneros das cantigas de amigo .

Como sinala o profesor X.R. Pena, dentro do xénero lírico das cantigas de amigo pódense diferenciar catro subxéneros:
Bailadas.– Son composicións destinadas probablemente á danza coral que presentan paralelismo e leixaprén.
Mariñas ou barcarolas.– Nelas aparece o mar baixo diferentes formas, como escenario, como interlocutor da muller...etc.
Cantigas de romaría.– Caracterízanse pola presenza dunha escena amorosa que se realiza ao pé dun santuario, ermida ou capela.
Albas ou alboradas.– Son cantigas nas que a acción transcorre ao romper o día, e a doncela lembra a entrevista que mantivo ao anoitecer co namorado, queixándose porque os “cuidados” do amor non a deixan durmir.


1.3. Características formais das cantigas de amigo.

O refrán: Denomínanse así os versos que se repiten literalmente despois de cada estrofa dunha composición. Adoita ser un número de versos inferior ao da estrofa (maiormente entre un e tres), cun xogo de rimas diferente. A maior parte das cantigas galego-portuguesas levan refrán, pero é máis frecuente nas de amigo. Cando unha composición carece de refrán, dicimos que é unha cantiga de meestría e segue as modas poéticas provenzais.

O paralelismo é un procedemento repetitivo, típico da cantiga peninsular, que enlaza as estrofas de dúas en dúas, facendo que os versos da segunda estrofa sexan unha pequena variante dos versos da primeira. O paralelismo fai que a unidade rítmica deixe de ser a estrofa para pasar a ser o par de estrofas. É o trazo máis distintivo da cantiga de amigo. Dentro do paralelismo diferenciamos entre paralelismo perfecto e imperfecto:
Paralelismo imperfecto.– Está estruturado por pares de estrofas nos que a segunda repite o contido da primeira con pequenas variacións.
Aquí tes unha cantiga de Pero Meogo de paralelismo imperfecto:


–Digades, filha, mia filha velida:
porque tardastes na fontana fría?
Os amores hei.

-Digades, filha, mia filha louçana:
porque tardastes na fría fontana?
Os amores hei.

-Tardei, mia madre, na fontana fría,
cervos do monte a augua volvían.
Os amores hei.
-Tardei, mia madre, na fría fontana,
cervos do monte volvían a augua.
Os amores hei.

–Mentir, mia filha, mentir por amigo!
Nunca vi cervo que volvess’o río.
Os amores hei.

-Mentir, mia filha, mentir por amado!
Nunca vi cervo que volvess’o alto.
Os amores hei.

Paralelismo perfecto.
Ademais do paralelismo imperfecto, isto é, da repetición da mesma idea nos pares de estrofas, presenta como procedemento de cohesión interestrófica o leixaprén. O leixaprén consiste en facer que o segundo verso da primeira estrofa sexa o primeiro da terceira, o segundo da segunda sexa o primeiro da cuarta, e así sucesivamente.

Vexamos agora un exemplo de Martín Codax de cantiga de paralelismo perfecto con leixaprén.

Eno sagrado, en Vigo,
bailava corpo velido:
amor hei!

En Vigo, no sagrado,
bailava corpo delgado:
amor hei!

Bailava corpo velido,
que nunca houver’amigo:
amor hei!

Bailava corpo delgado,
que nunca houver’amado:
amor hei!

Que nunca houver’amigo,
ergas no sagrad’, en Vigo:
amor hei!
Que nunca houver’amado,
ergas en Vigo, no sagrado:
amor hei


PERSONAXES DA CANTIGA DE AMIGO.

A amiga caracterízase en xeral pola inxenuidade, combinada cunha forte pulsión erótica e, moi a miúdo, co atrevemento e coa picardía. Os seus estados psicolóxicos son moi variábeis: a tristeza, a angustia, o medo, a ledicia, pero tamén en ocasións os celos, a desconfianza, a cólera ante as presumíbeis traizóns do amigo, o enfado cando non poden cumprirse os seus propósitos etc. Ademais da amiga, poden participar da cantiga outros personaxes, como actores ou como interlocutores da namorada: o amigo, as irmanas, as amigas, a nai, ou incluso animais ou seres inanimados que se personifican: as aves, as ondas do mar, as flores do verde piñeiro.

O amigo pode presentar unha variedade de actitudes similar á da amiga. Polo regular móstrasenos distante, afastado da muller porque foi levado á guerra (o fossado, o ferido), porque atravesou o mar, porque non se lle permite visitala ou outras razóns que descoñecemos. Mais tamén pode mostrársenos frívolo e desatento coa moza, traidor que engana a rapaza coas outras amigas, coitado e triste porque a moza o rexeita etc.

As irmanas e amigas actúan a miúdo como confidentes a quen a moza desvela as súas emocións e desexos. Nalgúns casos poden converterse en rivais amorosas.

A nai é unha figura clave nun gran número de cantigas. Non só é personaxe ou interlocutor privilexiado: en ocasións soporta tamén a voz poética e é ela quen fala sobre as relacións entre os namorados ou se dirixe á filla para censurala e aconsellala contra o amigo. Polo xeral, como voz da autoridade fronte á mocidade rebelde, desaproba as relacións amorosas. Actúa entón como prohibidora, que non permite á filla ir de romaría, causa pánico no amigo para que non se atreva a ir onda a rapaza etc. En correspondencia, a filla fai por enganala, méntelle, ocúltalle os seus actos ou descarga contra a nai a súa ira. Significativamente, os personaxes masculinos quedan fóra da cantiga de amigo. A figura paterna está totalmente ausente.
Os trobadores da ría de Vigo
A NATUREZA E O SIMBOLISMO NA CANTIGA DE AMIGO.
Nas cantigas de amigo a natureza desempeña un papel importante, maior canto máis se aproxime ao modelo tradicional. Non encontramos descricións extensas, mais si leves referencias que nos serven para situar a cantiga nun espazo concreto, resaltando aqueles elementos ambientais que contribúen ao significado da composición. Podemos destacar diferentes funcións:
Presenta unha función referencial. O medio introdúcese nas cantigas en forma de topónimos (Compostela, Lisboa, Vigo etc.), localizadores da acción; tamén con referencias a santuarios, ao mar, ao río, ao monte, ás fontes etc.

A natureza convértese tamén en personaxe, a quen a amiga dirixe as súas queixas e preguntas, ás que, en ocasións, incluso responde; así ocorre coas flores, os piñeiros ou as abeleiras. Outras veces adquire un maior protagonismo, como acontece cos cervos ou as aves.
Pode adquirir tamén unha función simbólica. A auga é un símbolo antiquísimo asociado á fertilidade e á relación erótica. As cantigas de fonte son unha mostra disto. Entre elas destacan as cantigas de Pero Meogo, onde o cervo simboliza a sexualidade masculina e a fonte o encontro amoroso. A natureza representa en ocasións os estados emocionais da amiga. O mar pode desempeñar distintas funcións: xeralmente é o elemento de separación entre os namorados e, polo tanto, motivo das coitas da amiga, pero tamén pode converterse no confidente a quen esta canta as súas tristezas, ou simbolizar a paixón amorosa da muller. Precisamente este aproveitamento simbólico da natureza para articular a linguaxe amorosa é un dos trazos máis singulares da cantiga de amigo.
Multitude de referentes concretos remiten para un significado oculto, dotando a cantiga de dous niveis de significación: un superficial, resultante da literalidade do poema, e outro profundo, cargado de matices emotivos ou eróticos. Non só a natureza, os cabelos, o brial...



Nenhum comentário:

Postar um comentário

PUTA

 Video poema feito por Marta Villar sobre este poema de Luisa Villalta do libro póstumo Papagaio. PUTA