domingo, 10 de abril de 2016

LINGUA E LITERATURA NO XIX.OS PRECURSORES.

A LINGUA E LITERATURA NO XIX. OS PRECURSORES.

Podemos deducir dos testemuños da época acerca dos usos e hábitos lingüísticos en Galicia que a inmensa maioría da poboación desenvolvía a súa vida en galego. O castelán era a lingua do mundo oficial, das clases altas e instruídas que habitaban maiormente nas cidades e nas vilas. Cómpre ter en conta que existiría unha porcentaxe de persoas bilingües con capacidade para desenvolverse total ou parcialmente na outra lingua (castelán ou galego) pero este bilingüismo sempre estaba condicionado polo contexto, clase social e hábitat. É dicir, o uso dunha ou outra lingua aparecía ligado ás relacións de poder que rexían a sociedade, de maneira que falar galego estaba valorado negativamente e falar castelán estaba valorado positivamente.

Con todo, como vimos no tema anterior, o galego chegou ao século XIX como a lingua maioritaria de Galicia, gozando dunha gran vitalidade a nivel popular. No contexto político, social e cultural da Europa desa época a cultura popular vai experimentar unha constante revalorización e en Galicia a lingua galega será pouco a pouco recuperada para o seu uso no ámbito público e nos usos cultos e formais, entre eles a literatura.

Os primeiros textos en galego deste século son narracións de intención propagandística: antinapoleónica, xurdidas no contexto da Guerra da Independencia: Proezas de Galicia (1810) de José Fernández y Neyra; antiabsolutista e moi crítico coa Inquisición: Rogos dun gallego (1813) de Manuel Pardo de Andrade, chegou a ter unha difusión extraordinaria no seu tempo. O carácter de “lingua do pobo” do galego é tamén aproveitado pragmaticamente nos “diálogos e coloquios” de tendencia liberal que foron moi populares nos anos 20 durante o Trienio Liberal e na restauración constitucional do 1936: Diálogo entre dos labradores gallegos (1823) ou Tertulia de Picaños (1836).

Nas décadas seguintes é frecuente que aparezan textos nos que se reflexione sobre a marxinación do galego no seu propio territorio e se argumente a favor da súa recuperación pública e rehabilitación na súa valoración social: así o fai Xoán Manuel Pintos en A gaita gallega (1853) e Rosalía de Castro no prólogo de Cantares gallegos (1863). O Rexurdimento reivindica o galego como lingua propia de Galicia e fai un esforzo importante por volverlle a dar o brillo e o prestixio necesario, a través da literatura, para que se convirta nun dos elementos simbólicos máis importantes da nación.

O uso literario dunha lingua popular axiña evidenciou a necesidade de ter un modelo de lingua culto polo que guiarse: que formas son xenuinamente galegas e cales non? cal das diferentes variedades de galego utilizar? Como representar as particularidades fonéticas do galego coa ortografía habitual no español? Rosalía declara no prólogo de Cantares gallegos que se deixa guiar polo seu oído e tenta representar o galego que escoitou desde a cuna; Pondal somete o galego da súa terra de Bergantiños a un intenso labor de depuración e enriquecemento por medio de cultismos latinos e gregos; Curros baséase tamén no seu galego de Celanova, non renuncia á expresividade popular pero depurándoo de castelanismos.
  • É frecuente o uso de apóstrofes e guións: Tal com´as nubes qu´impele o vento; nun-ha
  • Atopamos vacilacións do vocalismo átono propias da lingua oral popular: delor, préstemos, miniña, sintindo, afertunada...
  • Ás veces palabras galegas, pero que teñen unha forma moi semellante á castelá, son deformadas para conseguir un aspecto máis galego. A estas alteracións chámanselles hiperenxebrismos: primadeira, brilan, estranas.
  • Uso de castelanismos: hermosa, dichoso, soledad.

Cara a 1860 aparecen os primeiros dicionarios e gramáticas de lingua galega e a Historia de Galicia (1865-66) de Manuel Murguía adícalle un capítulo ao galego. Algunhas destas gramáticas do XIX, ademais do interese pola lingua, preséntansse a si mesmas como guías útiles para que os forasteiros que viñesen a Galicia solventasen os problemas de comprensión cunha poboación maioritariamente monolingüe en galego.

En definitiva, a lingua galega ocupa un lugar importante dentro das reivindicacións do galeguismo, como símbolo fundamental da identidade nacional. Paralelamente vaise consolidando como lingua literaria, primeiro poética e máis tarde na prosa narrativa e o teatro, aínda que os prólogos escritos por Rosalía de Castro para as súas obras en galego, Cantares gallegos e Follas novas son un magnífico exemplo de ensaio en galego. A literatura galega contemporánea estaba ao final do século XIX plenamente asentada e o seu cultivo será de gran importancia para a recuperación do prestixio perdido pola lingua galega ao longo dos Séculos Escuros.

A literatura do XIX.Os Precursores.
O Rexurdimento é un movemento intelectual, cultural e político que ten como centro da súa preocupación a reivindicación de Galicia como unha entidade cultural e política posuidora dunha identidade propia e diferenciada dentro do estado español. O Rexurdimento literario non pode entenderse sen o previo desenvolvemento dun movemento político coñecido como Provincialismo. O Provincialismo reivindica a Galicia como unha entidade política e cultural diferenciada desde unha ideoloxía de carácter liberal progresista. Nel participaron activamente moitos dos escritores en galego anteriores a Rosalía de Castro como Xoán Manuel Pintos, Francisco Añón ou Alberto Camino. O Provincialismo rematou co fracaso do levantamento militar de Solís (1846) e o fusilamento de moitos dos participantes. A partir dese momento a reivindicación e a defensa de Galicia convertirase nun movemento literario: o Rexurdimento. Na década dos 50 o Rexurdimento cultural articúlase arredor do Liceo de la Juventud de Santiago e os xornais da época. É no Liceo onde Rosalía entra en contacto con ese ambiente intelectual que promove a cultura e a lingua galegas.

Antonio Benito Fandiño (1779-¿1832?), destacado liberal santiagués e
promotor do xornal El Heráclito Español y Demócrito gallego. É autor
de A casamenteira, escrita en prisión en 1812 mais publicada en 1849.
Trátase dunha pequena obra de teatro en versos octosílabos, presentada
como “sainete en gallego para cuatro personas” e dividida en tres cadros,
cun total de 16 escenas. Trata o tema dos casamentos amañados
ou por interese, para denunciar e desenmascarar o papel das “casamenteiras”,
por mentirosas e manipuladoras. A mensaxe última da peza está
nos versos “O casarse quêr cariño / e se no-o hay sale mal”.
Nicomedes Pastor Díaz (Viveiro,1811-Madrid, 1863), escritor romántico
e político liberal moderado, é autor do poema de temática amorosa
A alborada”, escrito en 1828 e composto por dezaseis estancias de seis
versos hendecasílabos e heptasílabos. No ano 1951 descubriuse outro
poema seu, que leva por título “Égloga. Belmiro e Benigno”. Presenta
cinco estancias de catorce versos hendecasílabos e heptasílabos e está
protagonizado por dous pastores que dialogan sobre as súas tristuras de
amor. Ambos os textos, escritos antes de instalarse o seu autor en Madrid
(1832), poden considerarse as primeiras pezas autenticamente literarias
do noso século XIX. Pastor Díaz ía ser o prologuista dos Cantares de
Rosalía, mais a morte impediuno.
Alberto Camino (Ferrol, 1820-Madrid, 1861) compuxo vilancicos para


o Hospicio compostelán e poemas románticos e elexíacos publicados no
xornal El Porvenir en 1845, como os intitulados “Nai chorosa” e “O desconsolo”.
Tamén escribiu poemas costumistas (“A foliada de San Xoán”)
e de circunstancias (“O nacemento do real meniño”). A súa obra foi recollida
e publicada postumamente na “Biblioteca Gallega” de Martínez
Salazar (1896). Tamén foron cultivadores do verso galego seus irmáns
Antonio e Domingo Camino.
Francisco Añón Paz (Boal-Outes, 1812-Madrid, 1878). Estudou no Seminario e fixo a carreira de Dereito na universidade santiaguesa. Participou
na revolución galega de 1846 (inspirada polo Provincialismo)
e, a consecuencia da represión do levantamento, exiliouse en Portugal.
Viaxou durante anos por Europa ao servizo dun lord inglés e resultou
galardoado nos “Xogos Florais” coruñeses de 1861 polo poema “A Galicia”.
En Madrid presidiu a sociedade “Galicia Literaria” (1875) promovida
por Teodosio Vesteiro Torres e acabou os seus días enfermo e pobre.
A súa obra, basicamente costumista, epigramática, áulica e social, foi
recollida despois da súa morte pola “Biblioteca Gallega” (1889). Tamén
foi poeta de clara inspiración popular súa irmá Nicolasa Añón, de quen
se conservan moi poucos textos.
Xoán Manuel Pintos (Pontevedra, 1811-Vigo, 1876), membro da xudicatura,
é autor de A gaita gallega (1853). Esta obra, dividida en sete
foliadas”, en prosa e verso, con fragmentos en castelán, galego e latín,
foi concibida como un método de aprendizaxe e exaltación do galego
(“para ir deprendendo a ler, escribir e falar ben a lingua gallega, e aínda
máis”, indica no título). Dous personaxes, o gaiteiro galego e o tamborileiro
foráneo, van dialogando e reflexionando sobre as características
gramaticais do galego, a súa fonética, o desprezo que existe cara a el na
sociedade etc. A obra inclúe listaxes de palabras para distinguir o timbre
das vogais, equivalencias castelás de palabras galegas, etimoloxías latinas
do noso léxico etc., mais tamén poemas sobre temas como a emigrase conservan moi poucos textos.
Xoán Manuel Pintos (Pontevedra, 1811-Vigo, 1876), membro da xudicatura,
é autor de A gaita gallega (1853). Esta obra, dividida en sete
foliadas”, en prosa e verso, con fragmentos en castelán, galego e latín,
foi concibida como un método de aprendizaxe e exaltación do galego
(“para ir deprendendo a ler, escribir e falar ben a lingua gallega, e aínda
máis”, indica no título). Dous personaxes, o gaiteiro galego e o tamborileiro
foráneo, van dialogando e reflexionando sobre as características
gramaticais do galego, a súa fonética, o desprezo que existe cara a el na
sociedade etc. A obra inclúe listaxes de palabras para distinguir o timbre
das vogais, equivalencias castelás de palabras galegas, etimoloxías latinas
do noso léxico etc., mais tamén poemas sobre temas como a emigra-
ción, as fames espantosas da época, o marisqueo, a historia da cidade de
Pontevedra, o autoodio que padecen moitos galegos, a importancia do
Padre Sarmiento etc. Pintos tamén deixou feito un Vocabulario Gallego-
Castellano con máis de sete mil palabras.

En 1861 organízase na Coruña un certame poético coñecido como os Xogos Florais a instancias dun rico indiano chamado José Pascual López Cortón. Nas bases do certame establécense premios para composicións en galego e en castelán. As composicións presentadas foron recollidas nun volume chamado o Album de la caridad (1862) que foi completado cun “Mosaico de nuestros vates gallegos contemporáneos”. No “Mosaico” atopamos unha nutrida representación de poemas en galego, algúns deles firmadas por escritores que protagonizarán o Rexurdimento anos despois, como Rosalía e Pondal. O trascendente deste episodio é que mostra como a lingua galega empeza a estar presente nos ambientes cultos por medio da literatura. Podemos afirmar que inicia así a loita polo prestixio, imprescindible para chegar a ser recoñecida como o principal sinal de identidade dos galegos. A literatura convértese, pois, nun instrumento fundamental, e moi eficaz, para recoller o imaxinario galego (as imaxes, crenzas e experiencias colectivas dos galegos) e ir construíndo a idea de Galicia.

Os temas que dominan a literatura galega do Rexurdimento xiran arredor de dous asuntos fundamentais:
  • O problema da identidade cultural diferenciada: aquí entraría tanto a descrición e defensa da cultura tradicional galega na que ocupa un lugar moi importante a lingua (Rosalía e Curros) como a recreación dunha mitoloxía galega (Pondal).
  • Os problemas sociais que afectaban ás clases populares: entre eles o problema da posesión da terra, as inxustas relacións económicas e de poder entre as clases dirixentes e as clases populares que son a causa da emigración masiva a América.

Adóitase dicir que a 1ª obra en galego de Rosalía de Castro, Cantares gallegos (1863), inaugura o Rexurdimento. A obra é moi importante no desenvolvemento do Rexurdimento, sen dúbida ningunha, pero Rosalía non partiu da nada, senón que se inscribe nunha tradición que daba os seus primeiros pasos. O éxito e as expectativas que abre esta obra son realmente extraordinarias e converten á súa autora na referencia inexcusable dos que veñan despois. Porén cada un dos poetas que imos estudar teñen unha personalidade vital e literaria moi acusada, como imos ver a continuación, e por iso lles dedicaremos un capítulo á parte. Meréceno.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

PUTA

 Video poema feito por Marta Villar sobre este poema de Luisa Villalta do libro póstumo Papagaio. PUTA