quinta-feira, 17 de janeiro de 2019

AS CANTIGAS DE BURLAS


 Cantigas de burlas: as cantigas de escarnho e as cantigas de maldizer
O terceiro xénero maior das cantigas medievais está constituído por aquelas que foron escritas cunha finalidade satírica e burlesca.As cantigas de burlas teñen un modelo no sirventés provenzal. Porén,a relación entre eles é aínda máis lixeira que entre acançóe a cantiga de amor: o sirventés era un tipo de poesía serio, que a miúdo abordabatemas elevados (morais, filosóficos, literarios). As nosas cantigas de burlas adoptan en xeral unha tonalidade chocalleira e buscan o ataque persoal, a ridiculización do adversario e a degradación a través do riso. Os poetas medievais distinguían: 
a) as cantigas de escarnho, que eran as que falaban mal dalgunha persoa. Era, xa que logo, sátira persoal, e nela empregaban palabras de dobre entendemento (con dous valores semánticos) mediante o equívoco. Satirizaban de forma indirecta e encuberta. b) as cantigas de maldizer, eras aquelas nas que se falaba mal de forma aberta.Implicaban unha sátira clara e directa, na que se lle chamaba ás cousas polo seu nome. Esta distinción, porén, ten para nós pouco valor, posto que moitas referencias satíricas que para os contemporáneos eran evidentes, para nós son indescifrábeis. A dificultade de interpretar o equívoco incluso provoca que en ocasións cantigas de escarnho fosen clasificadas e interpre tadas como cantigas de amor ou de amigo. Por iso, preferimos falar de cantigas de burlas


A sátira directa ten un bo exemplo nesta cantiga obscena de Fernando esquío

A un frade dizen escaralhado,
e faz pecado quen lho vai dizer,
ca, pois el sabe arreitar de foder,
coid’eu que gai’é, de piss’arriçado,
e pois emprenha estas con que jaz
e faze filhos e filhas assaz,
ante lhe digu’eu ben encaralhado.
Escaralhado nunca eu diría,
mais que trage ant’o caralho arreite,
ao que tantas molheres de leite
ten, ca lhe pariron tres en un día,
e outras muitas prenhadas que ten;
e atal frade cuid’eu que mui ben
encaralhado por esto sería.
Escaralhado non pode seer
o que tantos filhos fez en Marinha
e que ten agora outra pastorinha
prenhe, que ora quer encaecer,
e outras muitas molheres que fode;
e atal frade ben cuid’eu que pode
encaralhado per esto seer.
 A sátira política foi utilizada en ocasións para intervir en conflitos que tiveron moita importancia histórica intentando influír na opinión pública. Un exemplo disto serían as cantigas onde Alfonso X critica a covardía dos seus cabaleiros na guerra de Granada das que temos un exemplo en O genete.
 A sátira social, persoal e de costumes critica as faltas e excesos de personaxes e grupos sociais, moitas veces a partir de personaxes arquetípicos: Ex. as sátiras contra os infanzóns e cabaleiros da baixa nobreza, os cabaleiros que non gardan o decoro, etc. Un grupo importante de cantigas utiliza unha temática abertamente obscena na súa crítica contra as soldadeiras, os clérigos viciosos, os homosexuais, pedófilos, onanistas, etc. 
 A sátira literaria mostra a estreita relación e interacción que existía entre os trobadores e xograis: críticas ás composicións dos outros, sátiras sobre certos tópicos do amor cortés, debates dialogados, acusacións de plaxio ou incompetencia, etc. Máis escasos son os exemplos de sátira moral con intención de queixarse da perda xeral de valores no mundo e a defensa polos bos costumes e a virtude dos tempos pasados, un subxénero que se remonta á antigüidade clásica.
 As cantigas de burlas son todas de meeestría e presentan un desenvolvemento signifcativo máis complexo
 Recursos formais
Desde o punto de vista estilístico, caracterízanse pola súa linguaxe directa, adecuada aos temas que desenvolven. O léxico empregado é concreto,moi a miúdo propio dun rexistro vulgar, polo que se converten nun valioso medio para coñecer a lingua popular da Idade Media.  Carecen dunha métrica e unha estrutura formal propias. Polo xeral, sérvense dos tipos de estrofas e recursos literarios propios da cantiga de amor, pero tamén hai as que imitan a cantiga de amigo tradicional.
 A estrutura consta habitualmente dunha primeira estrofa, que presenta o motivo central da composición, onde se cita polo seu nome o personaxe satirizado cando a sátira é persoal, e as restantes, que glosan a burla inicial mediante recursos paralelísticos. En moitas das cantiga ten grande importancia a narratividade, posto que desenvolven unha pequena anécdota argumental que serve de eixe estruturador da composición.
O recurso poético máis singular é oequívoco, que consiste en xogar codobre sentido das palabras.

A ironía: consiste en afirmar o contrario do que se pensa con intención de burlarse desa afirmación. O xénero que máis a utiliza é o de escarnio, ex: a 1ª cantiga de Pero da Ponte, Quen a sesta quiser dormir, baséase nesta figura.
O equívoco: é unha figura que xoga cos dobres sentidos das palabras, provocando ambigüidade e un sentido oculto (ás veces difícil de descubrir) que agacha unha crítica feroz. é o caso da 2º cantiga de Pero da Ponte, María Pérez, nossa cruzada.

sexta-feira, 11 de janeiro de 2019

AS CANTIGAS DE AMOR.

AS CANTIGAS DE AMOR
Segundo o profesor Pena as cantigas de amor é unha composición onde un home que se dirixe a unha dama mostrando o seu amor por ela.

ORIXES:

1- A influenza da cultura provenzal.Do sur de Franza chéganos a concepción do amor cortes onde a relación feudal do vasalaxe se traslada ás relacións amorosas. é este un amor de imposíbel ressolución, sobre todo na literatura galega, marcado pola dor ou coita de amor  e cuxo ponto máis alto chega a ser a morte por amor. Na relación amorosa había distintos graos de vasalaxe e poder chegar ao último precisaba dunha longa aprendizaxe:
 FENHEDOR- aspirante que se consumía en suspiros pola dama.
PRECADOR- O suplicante solicitaba os amores da dama.
ENTENDEDOR- namorado.
DRUDO- Amante. A literatura galego-portuguesa nunca chega a este punto. a nosa é unha poesía virxinal que non podía ir máis alá de entendedor que moitas veces ommría de amor pola dama, sen ser correspondido.

2- A devoción mariana. O camiño do amor, a relación coa dama semella un camiño de perfección que semella a adoración pola virxe.O amor pasa a ser un culto e a muller un obxecto de adoración.

3- Do neo-platonismo recolle a concepción do amor como unha ascese, un camiño de elevación moral que debe levar ao namorado a ser merecente dos favores da dama idealizada a través dunha dura aprendizaxe.


segunda-feira, 7 de janeiro de 2019

LÍRICA PROFANA: AS CANTIGAS DE AMIGO


A CANTIGA DE AMIGO

1.A cantiga de amigo é un xénero poético de orixe autóctona, cuxas raíces máis antigas non nos é posíbel determinar. Responde ao modelo da canción de amor feminina, un tipo de composición común a todos os pobos indoeuropeos e que nos distintos territorios de Europa deu lugar a produtos peculiares. Na Península Ibérica, a cantiga de amigo emparenta directamente coas kharjas mozárabes, case contemporáneas e con características formais e temáticas moi semellantes. A cantiga de amigo é, polo tanto, un xénero pre-trobadoresco, se ben as mostras máis antigas que conservamos son da mesma época cás cantigas trobadorescas.
AS CANTIGAS DE AMIGO
Son composicións poéticas breves feitas por un trobador (un home) e postas en boca dunha muller namorada. Nos primeiros versos da cantiga, case de modo invariable, figura a palabra “amigo” ou unha variante desta. A dona que aparece sempre nestas composicións é unha doncela, unha muller virxe que, non obstante, coñece todos os segredos do amor e adquire todos os estados psicolóxicos da muller namorada. Mais temos que ter en conta que o autor é sempre un home polo cal o que se nos amosa son os sentimentos femininos desde a perspectiva do home, non desde a perspectiva da muller.

Este xénero caracterízase pola súa homoxeneidade. A cantiga de amigo presenta sempre un preámbulo narrativo nos seus primeiros versos no que a amiga fai referencia ao amigo para nos indicar os seus sentimentos, ou tamén pode facer referencia a outro tipo de interlocutores como logo veremos. O resto dos versos da composición veñen completar con variacións a idea transmitida nestes primeiros versos. Nas cantigas de amor nunca se produce o diálogo entre os namorados, sabemos do amigo sempre a través das palabras da senhor en soidade ou con outros interlocutores.

a) Cantigas de amigo tradicionais: Son as que supomos máis fieis á forma autóctona da canción de amor feminina e recollen os elementos antes relacionados. Son todas elas cantigas de refrán; a estrofa está formada por dous versos (dístico) e combinan os recursos de paralelismo e leixaprén.
b) Cantigas de amigo contaminadas: Son aquelas influídas polo lirismo trobadoresco. Conservan o refrán, pero a estrofa está formada por máis de dous versos; teñen paralelismo, pero non leixaprén. A linguaxe segue sendo a da cantiga tradicional, mais introdúcense tamén elementos alleos ao ambiente natural.

c) Cantigas de amigo trobadorescas: Son aquelas que, como resultado da influencia provenzal, adoptan a forma e a linguaxe da cantiga de amor, conservando a voz poética feminina.


1.1. Clasificación das cantigas de amigo atendendo ao interlocutor Podemos diferenciar os seguintes grupos segundo o destinatario:

1 - Cantigas directamente dirixidas ao amigo
2 - Cantigas dedicadas a un auditorio
3 - Cantigas dedicadas a unha amiga
4 - Cantigas dedicadas a varias amigas
5 - Cantigas dedicadas a unha ou varias donas
6 - Cantigas dedicadas á nai
7 - Cantigas da nai á filla
8- Cantigas dedicadas á irmá
9 - Cantigas dedicadas ao Amor
10 - Cantigas dedicadas a elementos da Natureza
11 - Cantigas dedicadas aos santos e a Deus

1.2. Subxéneros das cantigas de amigo .

Como sinala o profesor X.R. Pena, dentro do xénero lírico das cantigas de amigo pódense diferenciar catro subxéneros:
Bailadas.– Son composicións destinadas probablemente á danza coral que presentan paralelismo e leixaprén.
Mariñas ou barcarolas.– Nelas aparece o mar baixo diferentes formas, como escenario, como interlocutor da muller...etc.
Cantigas de romaría.– Caracterízanse pola presenza dunha escena amorosa que se realiza ao pé dun santuario, ermida ou capela.
Albas ou alboradas.– Son cantigas nas que a acción transcorre ao romper o día, e a doncela lembra a entrevista que mantivo ao anoitecer co namorado, queixándose porque os “cuidados” do amor non a deixan durmir.


1.3. Características formais das cantigas de amigo.

O refrán: Denomínanse así os versos que se repiten literalmente despois de cada estrofa dunha composición. Adoita ser un número de versos inferior ao da estrofa (maiormente entre un e tres), cun xogo de rimas diferente. A maior parte das cantigas galego-portuguesas levan refrán, pero é máis frecuente nas de amigo. Cando unha composición carece de refrán, dicimos que é unha cantiga de meestría e segue as modas poéticas provenzais.

O paralelismo é un procedemento repetitivo, típico da cantiga peninsular, que enlaza as estrofas de dúas en dúas, facendo que os versos da segunda estrofa sexan unha pequena variante dos versos da primeira. O paralelismo fai que a unidade rítmica deixe de ser a estrofa para pasar a ser o par de estrofas. É o trazo máis distintivo da cantiga de amigo. Dentro do paralelismo diferenciamos entre paralelismo perfecto e imperfecto:
Paralelismo imperfecto.– Está estruturado por pares de estrofas nos que a segunda repite o contido da primeira con pequenas variacións.
Aquí tes unha cantiga de Pero Meogo de paralelismo imperfecto:


–Digades, filha, mia filha velida:
porque tardastes na fontana fría?
Os amores hei.

-Digades, filha, mia filha louçana:
porque tardastes na fría fontana?
Os amores hei.

-Tardei, mia madre, na fontana fría,
cervos do monte a augua volvían.
Os amores hei.
-Tardei, mia madre, na fría fontana,
cervos do monte volvían a augua.
Os amores hei.

–Mentir, mia filha, mentir por amigo!
Nunca vi cervo que volvess’o río.
Os amores hei.

-Mentir, mia filha, mentir por amado!
Nunca vi cervo que volvess’o alto.
Os amores hei.

Paralelismo perfecto.
Ademais do paralelismo imperfecto, isto é, da repetición da mesma idea nos pares de estrofas, presenta como procedemento de cohesión interestrófica o leixaprén. O leixaprén consiste en facer que o segundo verso da primeira estrofa sexa o primeiro da terceira, o segundo da segunda sexa o primeiro da cuarta, e así sucesivamente.

Vexamos agora un exemplo de Martín Codax de cantiga de paralelismo perfecto con leixaprén.

Eno sagrado, en Vigo,
bailava corpo velido:
amor hei!

En Vigo, no sagrado,
bailava corpo delgado:
amor hei!

Bailava corpo velido,
que nunca houver’amigo:
amor hei!

Bailava corpo delgado,
que nunca houver’amado:
amor hei!

Que nunca houver’amigo,
ergas no sagrad’, en Vigo:
amor hei!
Que nunca houver’amado,
ergas en Vigo, no sagrado:
amor hei


PERSONAXES DA CANTIGA DE AMIGO.

A amiga caracterízase en xeral pola inxenuidade, combinada cunha forte pulsión erótica e, moi a miúdo, co atrevemento e coa picardía. Os seus estados psicolóxicos son moi variábeis: a tristeza, a angustia, o medo, a ledicia, pero tamén en ocasións os celos, a desconfianza, a cólera ante as presumíbeis traizóns do amigo, o enfado cando non poden cumprirse os seus propósitos etc. Ademais da amiga, poden participar da cantiga outros personaxes, como actores ou como interlocutores da namorada: o amigo, as irmanas, as amigas, a nai, ou incluso animais ou seres inanimados que se personifican: as aves, as ondas do mar, as flores do verde piñeiro.

O amigo pode presentar unha variedade de actitudes similar á da amiga. Polo regular móstrasenos distante, afastado da muller porque foi levado á guerra (o fossado, o ferido), porque atravesou o mar, porque non se lle permite visitala ou outras razóns que descoñecemos. Mais tamén pode mostrársenos frívolo e desatento coa moza, traidor que engana a rapaza coas outras amigas, coitado e triste porque a moza o rexeita etc.

As irmanas e amigas actúan a miúdo como confidentes a quen a moza desvela as súas emocións e desexos. Nalgúns casos poden converterse en rivais amorosas.

A nai é unha figura clave nun gran número de cantigas. Non só é personaxe ou interlocutor privilexiado: en ocasións soporta tamén a voz poética e é ela quen fala sobre as relacións entre os namorados ou se dirixe á filla para censurala e aconsellala contra o amigo. Polo xeral, como voz da autoridade fronte á mocidade rebelde, desaproba as relacións amorosas. Actúa entón como prohibidora, que non permite á filla ir de romaría, causa pánico no amigo para que non se atreva a ir onda a rapaza etc. En correspondencia, a filla fai por enganala, méntelle, ocúltalle os seus actos ou descarga contra a nai a súa ira. Significativamente, os personaxes masculinos quedan fóra da cantiga de amigo. A figura paterna está totalmente ausente.
Os trobadores da ría de Vigo
A NATUREZA E O SIMBOLISMO NA CANTIGA DE AMIGO.
Nas cantigas de amigo a natureza desempeña un papel importante, maior canto máis se aproxime ao modelo tradicional. Non encontramos descricións extensas, mais si leves referencias que nos serven para situar a cantiga nun espazo concreto, resaltando aqueles elementos ambientais que contribúen ao significado da composición. Podemos destacar diferentes funcións:
Presenta unha función referencial. O medio introdúcese nas cantigas en forma de topónimos (Compostela, Lisboa, Vigo etc.), localizadores da acción; tamén con referencias a santuarios, ao mar, ao río, ao monte, ás fontes etc.

A natureza convértese tamén en personaxe, a quen a amiga dirixe as súas queixas e preguntas, ás que, en ocasións, incluso responde; así ocorre coas flores, os piñeiros ou as abeleiras. Outras veces adquire un maior protagonismo, como acontece cos cervos ou as aves.
Pode adquirir tamén unha función simbólica. A auga é un símbolo antiquísimo asociado á fertilidade e á relación erótica. As cantigas de fonte son unha mostra disto. Entre elas destacan as cantigas de Pero Meogo, onde o cervo simboliza a sexualidade masculina e a fonte o encontro amoroso. A natureza representa en ocasións os estados emocionais da amiga. O mar pode desempeñar distintas funcións: xeralmente é o elemento de separación entre os namorados e, polo tanto, motivo das coitas da amiga, pero tamén pode converterse no confidente a quen esta canta as súas tristezas, ou simbolizar a paixón amorosa da muller. Precisamente este aproveitamento simbólico da natureza para articular a linguaxe amorosa é un dos trazos máis singulares da cantiga de amigo.
Multitude de referentes concretos remiten para un significado oculto, dotando a cantiga de dous niveis de significación: un superficial, resultante da literalidade do poema, e outro profundo, cargado de matices emotivos ou eróticos. Non só a natureza, os cabelos, o brial...



domingo, 6 de janeiro de 2019

A LITERATURA MEDIEVAL: CUESTIÓNS XERAIS.


  1. INTRODUCIÓN: AS ORIXES.  En toda  a Idade Media a Igrexa tiña o monopolio da cultura. Nos mosteiros era onde se facían as copias e se reproducían os manuais greco-latinos e todo isto facíase en Latín. Unha sociedade feudal en continúos enfrontamentos  non se andaba con requintes.A literatura era  oral e nela predominaban os Cantares Épicos ou Cantares de Xesta que narraban as fazañas de herois mitolóxicos ou dos grandes caudillos medievais que eran exemplo polo seu valor e honestidade: A Chanson de Roland ou Poema do Mio Cid. Estes foron plasmados por ecrito a finais do século XI e principios do XII.                                                                                                                                                                                                                                                  
2. A LITERATURA TROBADORESCA. A partir do século XII os gustos cambian. A sociedade experimenta un medre económico e nas cortes, nunha época de relativa paz, había tempo para o ocio e a diversión. Hai un refinamento dos costumes e u relanzamento do papel da muller. Todo isto lévanos ao nacimento dunha poesí lírica, baseada nas regras od "amor cortés"( reproducían unha relación de vasalaxe e un camiño de purificación). Esta poesía ten  a súa orixe nas cortes de Aquitanía baixo o ducado de Guillerme IX e da súa neta Alienor de Aquitanía. Esta é literatura tobadopresca ecrita na lingua d´oc, baseada no código do amor cortés e que pronto se extenderá por todas as cortes de Europa.                                                                                                                      
3. ENTRADA EN GALIZA.Esta poesía chega ao reino de Galiza que neste época desempeñaba un papel fundamental dentro dos distintos reinos mesievais. Os nobres galegos da casa de Traba ou de Castro eran mentores dos reis e moitas veces tiñan tanto poder coma elñes. Alén diso, Santiago era (con Rioma ) o centro da cristiandade e o seu arzobispo Diego Xelmirez presidiu unha época de esplendor e poderío económico desta diocese.As pprincipais vías de penetración:


  • O camiño de Santigo
  • Os monxes de Cluny
  • Contactos nobiliare.
 4.O ESPECTÁCULO TORBADORESCO. Trobar non só era cantar e compor senón que as cantigas ían acompañadas de bailes e distintos números circenses. Os trobadores compuñan as súas obras pensando en que ían ser  cantadas e de aí os paralelismos , refráns e os distintos esquemas repetitivos. Trobadores, xograres, segreis(?) alén das xograresas,cantadeiras, danzadeiras e soldadeiras eran os protagonistas deste espectáculo.

segunda-feira, 18 de setembro de 2017

Como pedir un café en Portugal

Como pedir un café en Portugal.(tirado do blogue Eu o que quero é xamón.

O café en Portugal é unha cousa moi seria, que bo está! E aínda por riba, barato. Aquí tendes unha pequena guía para pedir café, de almorzo, a media mañá, ou de merenda cunhas natas ou cuns bolos de arroz. Se andades por Portugal, pode ser que vos interese este artigo de recomendacións de cousas do súper. E se estades na casa e vos presta un café, neste artigo tendes uns truquiños para que saia máis rico

Cafés con leite:

  • Galão: un café con moito leite, servido nun vaso alto e cunha culler longa. Pódese pedir “escuro” ou “claro”, dependendo das proporción leite/café que queirades Normalmente pídese para almorzar (no pequeno almoço, como eles lle chaman), despois das 12 do mediodía considerase estraño. Digo isto por si vos miran raro, cada un que pida o que lle pete 😀
  • Garoto: o que nós coñecemos coma “manchado”. Pouco café e moito leite, nunha taza normal.
  • Meia de leite: un café con leite, tamén típico para o almorzo.
  • Pingado: un café cortado.

Cafés sen leite:

  • Abatanado: o equivalente ao café americano, sería un espresso pero con máis auga. A textura é máis aguada e o sabor máis suave, pero leva igual de cafeína.
  • Café de saco: vén sendo o noso café de pota. Prepárase nos sitios máis tradicionais.
  • Café/bica/cimbalino: un café só. En Lisboa chámanlle bica (parece ser que vén do acrónimo “Bebe Isto Com Azucar”, porque era moi forte) e no Porto, cimbalino. Se precisades unha dose de cafeína extra, pedide un “café duplo”.
  • Café italiana: un café máis cortiño e concentrado, o que os italianos chaman ristretto.
  • Carioca: un café moi moi suave, feito con resto do último café que quedou na máquina.
Nalgúns sitios serven o café cun pau de canela, que se usa coma unha culler. Sabedes de máis variantes/trucos para pedir café en Portugal? Deixádeos nos comentarios!

terça-feira, 28 de junho de 2016

Narradores

Es Inverno. Inverno. Nena de pel branquísima e fazulas coloreadas polo sol alto de verán. Es Inverno, cativa de xílgaros nas mans e notas musicais na cuberta do peito. Ti es inverno, Inverno, aínda que no teu corpo nunca callou unha mísera folerpa. Si. Es Inverno, muller náufraga que fuxiu dunha batalla para recalar noutra guerra peor. Nesoutra guerra en que os homes se feren con balas de chumbo, só se asasinan con silencios e ameazas, desatados da terra da que foron capitáns. Lémbrao, es Inverno, aférrate a iso con unllas e dentes. [...]
Sol de Inverno, Rosa Aneiro
Narrador en segunda persoa.

Calquera estaría de acordo: aqueles dous eran unha parella de vello, unha parella de moito tempo atrás, unha parella de moitos anos, unha parella, digamos, estable, ou para dicilo dunha maneira sinxela e que se nos entenda ben dende o principio, unha parella habitual, formal, normal. Algo así. [...]
In vino véritas, Francisco Castro
Narrador omnisciente.


A señora Lola pica e repica enriba da táboa cun coitelo ben afiado e pensa, a señora Lola, case sen querer, que mágoa de vida, que escravitude de lentellas. A ver porque nunca Eusebio lle dixo de saír de alí, de viaxar ou algo. Co que lle había gustar a ela escapar desta cociña, tan só un andar superior á mesma cociña do bar onde perdeu case corenta anos da súa vida.
Ás de bolboreta, Rosa Aneiros
Estilo indirecto libre.


Vaia tempo, eh. Empeza ben o día. Non para, a que se pon a chover non ten parada. Antes todos chamabamos pola chuvia, que se había seca, que se secaba a verdura, que se no inverno había arder o monte, que sei eu. E agora aí tedes chuvia. Toma chuvia. E a min gústame a chuvia, eh, coidadiño, que se me falta moito tempo aínda parece que me falta algo. Que había de ser de nós, que somos coma herba, sen a chuvia. Tamén o que ten a chuvia é que fai que te deas máis de conta de como pasa o tempo, que o notes máis, como se dixéramos. [...].
Tic tac, Suso de Toro.
Monólogo interior.


Só o resplandor dunha candea iluminaba as brancas e arxilosas paredes do cuarto. Un catre, unha cadeira, unha almofía canda unha xerra de auga e un estartelado escritorio eran o único mobiliario que ofrecía a ruinosa hospedaxe situada no Cairo. Entre as súas paredes a sufocante calor agarrábase igual que un inquilino molesto. Detrás do marco da ventá, un ceo inzado de estrelas era o lenzo sobre o que se pintaban tres ciclópea pirámides.
Un home de mediana idade, vestido con camisa e pantalóns da cor da area deambulaba nervioso pola estancia. Murmuraba para si, tentando encontrar a solución a algún problema que o atormentaba. [...]
O mundo secreto de Basilius Hoffan, O ladrón de soños,

Narrador obxectivo.
http://cotovia.org/proxecto/tex/tex_ud3_03.html?orix=tex

quarta-feira, 27 de abril de 2016

A LITERATURA DO REXURDIMENTO(do blogue,Has de Cantar ! de Anxos García refoxo)

A literatura do Rexurdimento
O Rexurdimento é un movemento intelectual, cultural e político que ten como centro da súa preocupación a reivindicación de Galicia como unha entidade cultural e política posuidora dunha identidade propia e diferenciada dentro do estado español. O Rexurdimento literario non pode entenderse sen o previo desenvolvemento dun movemento político coñecido como Provincialismo. O Provincialismo reivindica a Galicia como unha entidade política e cultural diferenciada desde unha ideoloxía de carácter liberal progresista. Nel participaron activamente moitos dos escritores en galego anteriores a Rosalía de Castro como Xoán Manuel Pintos, Francisco Añón ou Alberto Camino. O Provincialismo rematou co fracaso do levantamento militar de Solís (1846) e o fusilamento de moitos dos participantes. A partir dese momento a reivindicación e a defensa de Galicia convertirase nun movemento literario: o Rexurdimento. Na década dos 50 o Rexurdimento cultural articúlase arredor do Liceo de la Juventud de Santiago e os xornais da época. É no Liceo onde Rosalía entra en contacto con ese ambiente intelectual que promove a cultura e a lingua galegas.

En 1861 organízase na Coruña un certame poético coñecido como os Xogos Florais a instancias dun rico indiano chamado José Pascual López Cortón. Nas bases do certame establécense premios para composicións en galego e en castelán. As composicións presentadas foron recollidas nun volume chamado o Album de la caridad (1862) que foi completado cun “Mosaico de nuestros vates gallegos contemporáneos”. No “Mosaico” atopamos unha nutrida representación de poemas en galego, algúns deles firmadas por escritores que protagonizarán o Rexurdimento anos despois, como Rosalía e Pondal. O trascendente deste episodio é que mostra como a lingua galega empeza a estar presente nos ambientes cultos por medio da literatura. Podemos afirmar que inicia así a loita polo prestixio, imprescindible para chegar a ser recoñecida como o principal sinal de identidade dos galegos. A literatura convértese, pois, nun instrumento fundamental, e moi eficaz, para recoller o imaxinario galego (as imaxes, crenzas e experiencias colectivas dos galegos) e ir construíndo a idea de Galicia.

Os temas que dominan a literatura galega do Rexurdimento xiran arredor de dous asuntos fundamentais:
  • O problema da identidade cultural diferenciada: aquí entraría tanto a descrición e defensa da cultura tradicional galega na que ocupa un lugar moi importante a lingua (Rosalía e Curros) como a recreación dunha mitoloxía galega (Pondal).
  • Os problemas sociais que afectaban ás clases populares: entre eles o problema da posesión da terra, as inxustas relacións económicas e de poder entre as clases dirixentes e as clases populares que son a causa da emigración masiva a América.

Adóitase dicir que a 1ª obra en galego de Rosalía de Castro, Cantares gallegos (1863), inaugura o Rexurdimento. A obra é moi importante no desenvolvemento do Rexurdimento, sen dúbida ningunha, pero Rosalía non partiu da nada, senón que se inscribe nunha tradición que daba os seus primeiros pasos. O éxito e as expectativas que abre esta obra son realmente extraordinarias e converten á súa autora na referencia inexcusable dos que veñan despois. Porén cada un dos poetas que imos estudar teñen unha personalidade vital e literaria moi acusada, como imos ver a continuación, e por iso lles dedicaremos un capítulo á parte. Meréceno.







ROSALÍA DE CASTRO





Rosalía de Castro naceu en 1837 dunha muller solteira pertencente a unha familia fidalga de Padrón. Esta orixe “ilexítima” fixo que as circunstancias do seu nacemento e os primeiros anos da súa vida quedasen envoltos na confusión e o misterio. O certo é que Rosalía tivo unha estreita relación coa súa nai e coa familia materna, polo que as lendas acerca do seu abandono quedan, cando menos, en dúbida. Sendo unha adolescente trasládase a vivir coa nai a Santiago, onde recibe a educación propia dunha señorita da época: leccións de música, debuxo. Frecuenta o Liceo de la Juventud onde coñece xoves con inquietudes literarias como Eduardo Pondal e Aurelio Aguirre e participa en actividades teatrais. A vocación literaria de Rosalía maniféstase moi axiña en diversos xéneros (narrativa, ensaio, poesía) e nas dúas linguas que dominaba: o galego e o castelán. Velaquí as obras publicadas da autora ordenadas cronoloxicamente:


  • La flor (1857) poesía
  • “Lieders” (1858) ensaio
  • La hija del mar (1859) novela
  • Flavio (1861) novela
  • Varios poemas, entre eles, “Adiós ríos, adiós fontes” publicados en Album de la Caridad (1861)
  • Cantares gallegos (1863) poesía
  • A mi madre (1863) poesía
  • “Conto gallego” (1864) publicado postumamente en 1924
  • “Las literatas” (1865) ensaio
  • Ruinas (1866) novela
  • El caballero de las botas azules (1867)
  • “Elexía a John Moore” (1877) poema
  • Follas novas (1880) poesía
  • El primer loco (1881) novela
  • En las orillas del Sar (1884) poesía

A simple enumeración dunha obra tan ampla,variada e complexa serve para desmontar a idea de que Rosalía era unha escritora con pouca formación intelectual e artística ou intuitiva e descoidada. Só a lectura atenta da súa obra pode mostrar ata que punto é unha obra complexa, profunda, innovadora e cada vez máis valorada. Nós imos fixar a nosa atención nas súas dúas obras poéticas en galego: Cantares gallegos e Follas novas.

Cantares gallegos (1863) é un libro que resume perfectamente o espírito do Rexurdimento:
  • Defensa de Galicia como unha entidade política fronte á hexemonía de Castela.
  • Dignificación do pobo galego, obxecto de burlas e estereotipos negativos na cultura española. Denuncia da situación de miseria e das súas causas.
  • Defensa da cultura galega popular e da lingua galega como vehículo de expresión axeitado, tanto para a expresión desa cultura popular como para usos cultos e formais.
A maneira escollida para levar a cabo este programa non puido ser máis acertado: Rosalía cede a súa voz a diversos personaxes populares, fundamentalmente mulleres, que expoñen en monólogos e diálogos diversos aspectos da súa vida cotiá, as súas precarias condicións materiais e as dolorosas consecuencias do subdesenvolvemento económico e da inxustiza social: a emigración e separación forzosa, a marxinación, etc.
Só nuns cantos poemas a autora recupera a súa propia voz, como acontece na resposta ao poema de Ruíz Aguilera “La gaita gallega” ou o poema 32 “Como chove miudiño...”
A descrición, que se anuncia no prólogo desta obra, de “algunhas das nosa poéticas costumes [que] aínda conservan certa frescura patriarcal e primitiva” Rosalía faina desde un punto de vista crítico e non dubida botar man do humor e do sarcasmo: pensemos na costureiriña do poema nº 5 que lle pide á Santa que lle aprenda a bailar e, despois de soportar de mal xorne a negativa desta acompañada de moralina, lonxe de mostrarse resignada e submisa, retira as promesas anteriores e atrévese a insultar á Santa.
Cantares gallegos é unha obra cunha estrutura ben pensada: o primeiro poema “Has de cantar...” e o último “Eu cantar cantar cantei...” supoñen o principio e o final dun círculo perfectamente coherente. Do mesmo xeito, ao longo do libro vanse alternando poemas máis descritivos con poemas máis líricos, poemas de intención política con poemas festivos, poemas cunha forma máis popular con poemas cun estilo máis clásico. Todos eles responden ao programa inicial exposto no prólogo de claras intencións renovadoras no ámbito político e cultural.

Follas novas (1880) é un libro máis heteroxéneo que recolle poemas feitos en épocas moi diferentes da vida da autora. Está formado por cinco partes: I Vaguedás, II ¡Do íntimo!, III Varia, IV Da terra, V As viúdas do vivos e as viúdas dos mortos. A 1ª e a 2ª parte están compostas por poemas que tratan temas intimistas e reflexións acerca da propia creación poética. A 3ª parte contén poemas intimistas e poemas sociais, ben de ton humorístico, ben de ton grave. A 4ª 5ª parte desenvolven, por unha parte poesía costumista, moi na liña de Cantares gallegos, e por outra poesía social que presenta diversas circunstancias dramáticas frecuentes na vida das clases traballadoras galegas, especialmente as que afectan ás mulleres, tal e como indica o título da última parte.

Un dos acertos deste libro é misturar a perspectiva obxectiva (costumista, social) coa subxectiva (intimista, existencial, metaliteraria). A poesía galega enriquécese con novos temas e e perspectivas. A poesía subxectiva explora na propia alma da escritora e reflexiona acerca do sentido da vida, da relación coa morte, da experiencia da soedade, do desengano, do excepticismo relixioso e, tamén, sobre o sentido da creación literaria.
A poesía obxectiva mostra o compromiso da autora coa súa terra e o momento histórico que lle tocou vivir, tal e como expresa no prólogo: “menos pode o poeta prescindir do medio en que vive, e da natureza que o rodea; ser alleo ao seu tempo e deixar de reproducir, hastra sin pensalo, a eterna e laiada queixa que hoxe eisalan tódolos labios”. Se este compromiso xa era explícito en Cantares gallegos, neste libro adquire dimensións épicas como no longo poema “Prá Habana” ou en “A xusticia pola man”, poema no que se defende o uso da violencia para defender a propia dignidade humana e defender a xustiza nunha estrutura social que ignora aos máis débiles.

Por último quero resaltar a importancia da irrupción das voces femininas na literatura galega e con elas unha particular visión das relacións sociais e íntimas que rexen o mundo. As mulleres son o sector máis marxinal dentro dos sectores marxinais, pois ademais de sufrir a marxinación de clase, a marxinación de pertencer a unha cultura subalterna, sofren a constante marxinación por causa do seu sexo. Isto é o que nos mostra Rosalía nos dous libros que estudamos a través das múltiples voces das mulleres populares ás que ela abre as súas páxinas, pero tamén a través da súa propia voz de muller culta e solidaria, dedicada á difícil tarefa de crear unha obra literaria nun mundo dominado polos homes

EDUARDO PONDAL


Eduardo Pondal naceu en Ponteceso en 1835 no seo dunha familia fidalga acomodada. A súa orixe permitiulle acceder a unha educación formal completa: aprendizaxe das linguas e as culturas clásicas desde a súa infancia e estudos universitarios en Santiago na súa mocidade. A folgada situación económica da que gozou permitiulle vivir case toda a súa vida dedicado ao seu traballo literario. A súa etapa en Santiago serviulle para entrar en contacto co movemento Provincialista no círculo intelectual do Liceo de la Juventud e a participar nalgúns actos con simpatizantes de ideoloxías socialistas, como o Banquete de Conxo (1854) (acto de confraternización entre obreiros e estudantes) no que Pondal pronunciou un discurso no que arremete contra as distincións de clase social.


Foi moi amigo de Rosalía de Castro e Manuel Murguía e, xunto con este, foi un asiduo participante nunha famosa tertulia intelectual na Coruña coñecida como “A Cova Céltica”. Cos seus amigos historiadores, como Murguía, comparte a idea de que Galicia é unha nación de orixe celta con fortes vínculos históricos e culturais con outras nacións da Europa atlántica (celtismo). Baséanse tanto nos restos arqueolóxicos das antigas culturas que aínda quedaban no territorio galego como en vellos textos como o Lebor Gabala Erenn (ou Libro das invasións de Irlanda do s. XII) onde se atopa a lenda da conquista de Irlanda por parte do fillo do caudillo galego Breogán. Neste ambiente cultural Pondal asume o papel de “bardo” e imponse a tarefa de crear un mundo poético onde recrea unha mitoloxía desa antiga Galicia de raíces celtas (bardismo). Para facelo inspírase na poesía dun poeta escocés do século XVIII, James Macpherson, quen publicou uns supostos vellos poemas dun suposto bardo gaélico do S. III: Poemas de Ossian (ossianismo). Só queda por comentar outro dos ingredientes básicos da poesía de Pondal: o seu gusto pola poesía épica grega, a súa exaltación da ética guerreira dos pobos antigos (clasicismo) e mesmo a reprodución dunha estética machista onde a fortaleza, a dureza e os valores asociados ao mundo masculino son exaltados e contrapostos á molicie e debilidade feminina.


Debemos entender a poesía de Pondal como unha rama singular do Rexurdimento: comparte o obxectivo de defender os intereses de Galicia e de denunciar a situación de marxinación en que se atopa, pero a diferenza de Rosalía, non o fai mediante a análise crítica da realidade, senón afastádose dela e creando un mundo poético á marxe (fóra do seu tempo histórico) onde a voz do bardo vai lanzando as súas mensaxes sentenciosas ao pobo desde un plano de superioridade ética (nada que ver coa proximidade e solidariedade compasiva de Rosalía ou Curros).


Segundo un dos seus estudosos, X.L.Méndez Ferrín, a poesía de Pondal caracterízase fronte aos seus contemporáneos polo seu idealismo (creación dun mundo poético afastado da realidade da que foxe poor considerala vulgar) e formalismo (a preocupación pola lingua literaria á que el intenta elevar e dignificar seguindo o modelo dos poetas clásicos (violentos hipérbatons, abundancia de epítetos, introdución masiva de termos cultos) e o seu particular estilismo que evita a referencia directa e busca fórmulas que tenden á inconcreción, á vaguidade: ex. substituír un substantivo por un adxectivo ao que se une mediante unha relación non demasiado evidente como os rumorosos polos pinos, as vagamundas polas andoriñas.

Para Méndez Ferrín, de Pondal parte a poesía galega do S. XX e a súa achega á creación dunha lingua literaria foi decisiva.


Obras:

A campana de Anllóns (1862)

Rumores de los pinos (1877), 21 poemas bilingües

Queixumes dos pinos (1886), reelaboración do poemario anterior

Os Eoas (póstumo): trátase dun longo poema épico onde se canta a conquista de América. Traballou nel ao longo de moitos anos, pero nunca se decidiu a publicalo.



MANUEL CURROS ENRÍQUEZ

Curros pasou á historia da literatura galega como o poeta cívico, cuxa obra (e vida) está fondamente comprometida coas súas conviccións ideolóxicas e políticas. Naceu en Celanova en 1851 e desde moi novo deu mostras dunha vontade propia para rebelarse contra as inxustizas e así deixa a casa dos pais aos 15 anos e marcha a Madrid onde estuda o bacharelato e inicia a carreira de Dereito. Desta época é o primeiro poema en galego que se conserva: a “Cántiga” (1869). Entre 1870 e 1871 vive en Londres, exiliado por causas políticas, e gaña a vida ensinando castelán. De volta a Madrid casa e traballa para un xornal ao tempo que participa no movemento político que levará á proclamación da I República en 1873.
En 1877 preséntase a un certame literario convocado en Ourense con tres composicións costumistas: “Unha boda en Einibó”, “A Virxe do Cristal” e “O gueiteiro”. Gaña o premio e fama como poeta en galego e decide instalarse en Ourense cun posto na Facenda que compaxina coa dirección  do periódico El Trabajo e colaboracións xornalísticas en El Heraldo Gallego. Este período de estabilidade remata a raíz da publicación do seu primeiro libro: Aires da miña terra (1880), pois é denunciado polo mesmo bispo de Ourense, quen pedía ao gobernador que impedise a venda e circulación dun libro que atacaba á Igrexa e aos seus dogmas. Houbo xuízo e Curros recibiu unha dura condena que incluía o cárcere e unha cuantiosa multa. O caso foi recorrido á Audiencia Territorial e seguido con gran interese. Finalmente o poeta foi absolto e o proceso converteu a Curros nun personaxe público moi famoso, asociado para sempre a un feroz anticlericalismo. En 1888 publica O divino sainete. En 1894 emigra a Cuba onde desenvolverá traballos xornalísticos e levará adiante, xunto co ferrolán Xosé Fontenla Leal, as xestións necesarias para a creación da Real Academia Galega. Morreu na Habana en 1908 e os seus restos foron trasladados á Coruña onde se celebrou un enterro multitudinario.

A poesía de Curros está fondamente implicada nos problemas sociais e cívicos do seu tempo: no poema “Mirando ó chau” expresa o seu rexeitamento pola pena de morte, que se debatía nas Cortes durante 1869; as nefastas consecuencias do sistema de servizo militar, “as quintas”, que inxustamente recaía sobre as familias máis pobres aparece tratado en “O maio”; o problema da miseria do campesiñado galego, gravado con rendas de foro e demais impostos civís e eclesiásticos, está presente en moitos poemas como “Nouturnio”; a emigración masiva fuxindo da miseria está presente desde os inicios da súa traxectoria poética na “Cántiga” ou “As dúas pragas”; o entusiasmo polo progreso e os avances tecnolóxicos quedan patentes en “Na chegada a Ourense da primeira locomotora”. Curros cre a utilidade da poesía para loitar contra a inxustiza (“a tiranía”) e reclamar o ben común como defende en “Crebar as liras”.

Outra liña da poesía do autor é a costumista, representada nas tres composicións coas que en 1877 gañou o Certame de Ourense: “Unha voda en Einibó”, “A Virxe do Cristal” e “O gueiteiro”. Pero mesmo neste tipo de composicións podemos atopar referencias críticas ao problemas sociais do momento, como acontece en “O gueiteiro” onde se di que  “Tocaba..., e cando tocaba, o vento que do roncón polo canuto fungaba, dixeran que se queixaba da gallega emigración”, ou “No maio”.

Os poemas líricos chaman a atención no conxunto da obra de Curros pola súa aparente sinxeleza e a sinceridade con que transmiten os sentimentos máis íntimos do poeta, en ocasións relacionados con episodios tráxicos da súa vida: “Na morte da miña nai”, ¡Ai!. Especial mención polo seu simbolismo merece “A Rosalía”.

Por último, O divino sainete recupera a liña burlesca que fora profusamente cultivada na lírica trobadoresca nas cantigas de escarnio e maldicir. Curros ataca aos seus enemigos mediante unha parodia moderna da famosa obra do S. XIII A divina comedia de Dante. Así, mentres Dante se fai acompañar do poeta Virxilio nun percorrido polo inferno, o purgatorio e o paraíso, Curros déixase guiar polo poeta galego Francisco Añón polos vagóns do tren dos sete pecados capitais nunha viaxe delirante que mostra cruamente os vicios da sociedade e sinala aos seus adeptos. 

terça-feira, 26 de abril de 2016

EXERCICIOS DE PERÍFRASES

EXERCICIOS VERBOS

1. Indica cales son as dúas formas posíbeis de participio correspondentes aos seguintes infinitivos e forma un enunciado en que uses cada un deles.
escoller erguer nacer murchar escorrer tinxir.

2. Conxuga o infinitivo nas seguintes oracións, atendendo á persoa indicada.
Por non chamar (ti) chegamos tarde.
De chegar (nós) a tempo, mandarémosvos aviso.
Sen facer (ela) o que debe nunca terá bos resultados.
Sempre foi difícil organizar (eles) ese campionato.
Non as obrigues a facer (elas) o que non queren.
De aprobar (eles) este último exame, terán o curso superado.
Con deixar (ti) aviso en conserxería xa che amañarán o problema.
Por deixar (vós) o ordenador aceso toda a noite do luns, perdestes toda a información.

Redacta as oracións doutro xeito, substituíndo o verbo destacado en cursiva por un infinitivo flexionado e facendo as oportunas transformacións, como no exemplo:
Terás bos resultados porque fas ben o traballo: Terás bos resultados por faceres ben o traballo.
Cómpre que andemos con tino.
Mandeivos unha invitación para que veñades á festa.
Se imos un por cada lado será máis doado de atopar.
Cando marchastes da sala, comezou a actuación.
Xa é tarde de máis para que vaiades á praia.
Só nos faltan catro días para que collamos as vacacións.
Antes de que cantedes os maios haberá que facer as coplas.
Non nos presentamos ao concurso porque non o soubemos a tempo

Localiza e clasifica as perífrases verbais:
Nalgún momento todos temos que facer algo que nos custa dar rematado.
Despois de tres intentos, acabou por sacar o carné.
Moito levo estudado para este exame e aínda vou seguir ata a noite.
O tren ha de saír ás sete, así que debes recollerme unha hora antes.
Non sei que lle pasou, pero botouse a correr e non parou ata chegar á casa.
Non deben de entenderse moi ben, pois levan berrando toda a tarde.
Onte houben caer na beirarrúa, pero afortunadamente axudoume Ricardo que estaba a limpar os cristais.
Vese moi débil a Saínza, pois vén de pasar unha semana enferma.
Por fin dei rematado este libro!
Parece que quere saí o sol, así que vai poñendo a roupa no balcón.




Nas seguintes oracións distingue os complexos verbais das perífrases xustificando a túa resposta. No caso de seren perífrases substitúeas por outras de significado semellante.
Aínda tes que contarnos o que quixeches facer onte.
• “Nisto veuse vindo a noite / i arrematada a faena, / Martiño, sempre con pena, /foise indo cara ó lugar”(Curros Enríquez).
Diego non puido seguir o camiño de noite porque levaba rotos os faros do coche.
Raúl sempre puido facer todo canto quixo, pero agora non ha poder.
Quería convidarte a vir comigo ao cine.
Xa sei que levas estudando toda a tarde, así que saír un pouco hache facer ben.
Xa levo visto tantas veces esa representación que as actrices chegaron a ser como da miña familia.
Se consegues abrir a lata, lévalla a Paco, que el debe saber como preparalo.
Oínvos cantar mentres estaba varrendo a cociña.

Completa os enunciados usando unha perífrase do tipo indicado que teña como verbo auxiliado unha forma do infinitivo indicado entre parénteses, como no exemplo:
......................... (LER, Modal de obriga) máis e así .......................... (ENTENDER, Futuridade xeral) mellor:
Tes que ler máis e así vas entender mellor.
Cecilia xa .......................... (SEMENTAR, Aspectual reiterativa) neste campo, pero agora, coa xeada,
.......................... (BUSCAR, Aspectual imperfectiva) unha zona mellor.
Custoulles o seu, pero finalmente .............................. (REMATAR, Aspectual imperfectiva) o traballo pola mañá.
Xa sei que ti .......................... (FACER, Modal hipótese) todo ben se queres.
O pasado luns Santiago .......................... (TRABALLAR, Aspectual perfectiva), pero nun mes.......................... (COMEZAR, Futuridade xeral) de novo.
.......................... (CHEGAR, Futuridade inmediata) o outono. Non sentes que xa .......................... (IR,Aspectual incoativa) fresco?
A mestra .......................... (LEVANTAR, Aspectual terminativa) o castigo ao seu alumnado.
Diego .......................... (XOGAR, Aspectual imperfectiva) toda a tarde e .......................... (REMATAR,Modal hipótética) canso.

PUTA

 Video poema feito por Marta Villar sobre este poema de Luisa Villalta do libro póstumo Papagaio. PUTA